Educación investirá millón e medio de euros na rehabilitación integral do IES carballés Alfredo Brañas

Román Rodríguez inaugurou o renovado salón de actos

Ilustres exalumnos enviaron vídeos rememorando o seu paso polo instituto

Román Rodríguez con alumnos do IES Alfredo Brañas no renovado salón de actos

Román Rodríguez con alumnos do IES Alfredo Brañas no renovado salón de actos / Xunta

J. M. Ramos

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en funcións, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta está a preparar un proxecto para a rehabilitación integral do IES Alfredo Brañas de Carballo. Unha obra que contará cun investimento estimado de 1,5 millóns de euros e que prevé licitar a partir do ano 2025.

Así o confirmou durante a súa visita ao instituto para inaugurar o novo salón de actos, que foi obxecto tamén dunha rehabilitación integral, despois de que, hai algo máis de dous anos, se derrubase o falso teito. Neste caso o investimento ascendeu a case 270.000 euros.

Rodríguez explicou que con esta actuación se dá resposta a unha demanda do centro. “Grazas a esta reforma, o instituto conta agora cun espazo dotado de todo o necesario para que a comunidade educativa poida celebrar diversos actos”, dixo.

Un renovado espazo que foi inaugurado con actuacións musicais protagonizadas por alumnos do centro. Ademais, ilustres exalumnos, como o director do Hospital Materno Infantil da Coruña, Alejandro Ávila, os actores Rober Bodegas e María Tasende, e o catedrático de Física da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira enviaron vídeos lembrando o seu paso polo instituto.

A intervención incluíu a substitución do falso teito, mellora da acústica, acabados e instalacións básicas, cambio de pavimento, instalación de paneis de madeira pintados e a renovación da instalación eléctrica. Ademais, mellorouse a accesibilidade do espazo, mudáronse as butacas e redeseñouse o palco superior.

Investimento de 1,7 millóns

O conselleiro en funcións lembrou que a Xunta investiu nos centros educativos de Carballo un total de 1,7 millóns de euros desde 2009. “Ademais, neste momento temos en marcha a instalación dunha caldeira de biomasa no IES Monte Neme, cun investimento de máis de 400.000 euros, que está en adxudicación”, indicou. Estas actuacións enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.