MEDIO AMBIENTE

Escolares de Coristanco recollen tapóns para crear novos produtos

Os alumnos do CPI Xosé Pichel súmanse ao proxecto de Íntegro

Reciclarán tapas de cores rosa e morado para darlle unha segunda vida

O colectivo busca a implicación da comunidade educativa

Escolares do CPI Xosé Pichel, de Coristanco, na xornada de sensibilización de Íntegro

Escolares do CPI Xosé Pichel, de Coristanco, na xornada de sensibilización de Íntegro / Íntegro

J. M. Ramos

 Á Asociación Íntegro de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte segue reforzando o seu labor de concienciación ambiental tratando de implicar á comunidade educativa na recuperación e valorización de residuos plásticos, ao abeiro do seu proxecto Diversiplás.

Unha iniciativa á que vén de sumarse o CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, logo dunha xornada de sensibilización desenvolvida polos técnicos de Íntegro. Máis de 50 alumnos de quinto e sexto de Primaria comprometéronse como axentes activos do proxecto, que ten como finalidade principal a reciclaxe de diferentes tipos de plásticos que, posteriormente, un grupo de persoas con diversidade funcional transformarán en novos produtos no taller que a asociación ten na súa sede de Nantón (Cabana de Bergantiños).

Íntegro puxo en marcha unha campaña de concienciación nos colexios da Costa da Morte coa intención de involucrar aos máis novos na recolecta de residuos. “Ao centro coristanqués asignóuselle a recollida de tapóns de cor lila e rosa, que se destinarán á fabricar novos produtos. Agora só queda esperar a colleita da nova materia prima e dar as grazas por tanta colaboración e interese”, afirman dende a asociación que preside Adolfo López Baña.

O proxecto Diversiplás está enmarcado no programa Capacíta-T, e a través destas xornadas a asociación explícalles aos rapaces e rapazas conceptos relacionados coa reciclaxe e os diferentes tipos de plásticos que existen, “facendo especial fincapé na importancia de darlle unha segunda vida ás cousas desde a infancia”, subliñan.

Paralelamente a esta iniciativa ambiental, a Asociación Íntegro tamén levou ao CPI Xosé Pichel a súa campaña de prevención de lesións medulares, que ten como finalidade reducir os índices de discapacidade adquirida entre a mocidade.

O colexio de Coristanco foi a segunda parada deste ano, logo de ser presentada tamén no CPI As Revoltas, de Cabana, co que neste 2024 xa ofreceron accións formativas a máis de 100 alumnos e alumnas da Costa da Morte.

A educadora social da entidade, Tania Bartucca, foi a encargada de concienciar a un dos principais grupos de risco sobre a necesidade de evitar graves lesións de consecuencias irreparables. “Accidentes domésticos, caídas, mergullos en zonas perigosas e unha condución arriscada son algunhas das principais causas, especialmente entre a poboación máis nova”, indica.

O presidente de Íntegro, Adolfo López, tamén participou poñendo o foco na importancia da prevención “como única medida efectiva para diminuír a sinistralidade entre a mocidade”, afirma. A xornada completouse coa proxección do vídeo A ti tamén che pode pasar e un coloquio que os alumnos aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular, así como as barreiras físicas e sociais ás que debe facer fronte.

Os centros educativos que estén interesados en adherirse a esta campaña ou calquera dos programas de sensibilización de Íntegro poden poñerse en contacto coa asociación a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou chamando ao teléfono 981 734985.