A rede de recollida de plásticos da Asociación Íntegro suma xa dezaoito colaboradores

 Ponteceso engádese ao proxecto Diversiplás para axudar a reciclar e darlle nova vida a estes residuos

Conta con vinte e sete puntos de depósito en concellos, confrarías e outros colectivos do mar

Noelia Barreira, esda., Sandra Caamaño, José Manuel Mato e Adolfo López, en Ponteceso

Noelia Barreira, esda., Sandra Caamaño, José Manuel Mato e Adolfo López, en Ponteceso / Concello de Ponteceso

J. M. Ramos

A rede de entidades colaboradoras do proxecto Diversiplás segue estendéndose pola Costa da Morte. Coa adhesión do Concello de Ponteceso son xa 18 os concellos, confrarías e agrupacións de mariscadoras e redeiras que participan na iniciativa de economía circular impulsada pola asociación Íntegro.

O obxectivo é recuperar e revalorizar residuos plásticos, un labor que desenvolven no taller habilitado ao efecto na sede de Íntegro, en Nantón (Cabana de Bergantiños). Dito espazo está dotado coa tecnoloxía e recursos necesarios para darlle unha segunda vida a estes residuos e crear novos produtos, como chaveiros ou mobiliario, entre outros.

O último en sumarse ao proxecto foi o Concello de Ponteceso. O alcalde, José Manuel Mato, recibiu por parte do presidente de Íntegro, Adolfo López, dous colectores brancos para a recollida de envases de plástico. No acto tamén participaron a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño.

Os colectores están xa a disposición da veciñanza na biblioteca e na oficina municipal de Corme. Neles poden depositarse envases de polietileno de alta densidade (número 2 na súa etiqueta), polipropileno (5) ou poliestireno (6). Previamente deben ser lavados con auga e xabón.

Deste xeito, o rexedor pontecesán subliña que “o Concello aporta o seu gran de area nesta iniciativa da asociación Íntegro, que busca colleitar os plásticos para construír unha Costa da Morte máis sostible”. Ademais, engade, “promove a integración social e fomenta entre as persoas con discapacidade oportunidades ocupacionais, terapéuticas ou laborais”.

Ademais de Ponteceso, xa forman parte do proxecto Diversiplás os concellos de A Laracha, Carballo, Malpica, Laxe, Cabana, Vimianzo, Muxía e Camariñas, que dispoñen de dous puntos de recollida cada un, agás o municipio camariñán, onde só hai un colector. Asemade, colaboran coa iniciativa as confrarías de pescadores de Caión (A Laracha), Virxe da Barca de Muxía, Malpica, Camelle, Camariñas, Laxe e Corme, que contan tamén con puntos de depósito dos residuos plásticos, ao igual que a agrupación Mariscadoras do Anllóns (Cabana) e as asociacións de redeiras O Fieital (Malpica) e Illa da Estrela, de Corme (Ponteceso).

Dende a asociación Íntegro fan un chamamento a todas as institucións, asociacións, centros educativos ou profesionais do mar para que se sumen “á marea branca Diversiplás”. Os interesados poden facelo chamando ao 650 961 649 ou enviando un correo electrónico a info@integro.es. Só se require vontade de colaborar e sumarse ao equipo para traballar desde a inclusión por unha Costa da Morte máis sostible.