Íntegro deulle nova vida a máis de 400 quilos de lixo mariño este ano

Diversiplás conxuga a valorización de residuos coa integración de persoas con diversidade // Colaboran concellos e confrarías

Rosa Quintana, á esquerda, cunha usuaria de Íntegro / xunta de galicia

Rosa Quintana, á esquerda, cunha usuaria de Íntegro / xunta de galicia / redacción

Redacción

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor o labor da Asociación Íntegro dende o taller ocupacional do proxecto de economía circular Diversiplás+Diverso–Plástico, impulsado ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte. Unha iniciativa que permite recuperar e transformar o lixo mariño e integrar sociolaboralmente a persoas con diversidade funcional.

O proxecto consiste na valorización de residuos mariños de plástico con accións de asesoramento e visibilización da inclusión social, concienciación ambiental, técnicas de reciclaxe e deseño de produtos. Para iso colabora con confrarías de pescadores, asociacións do sector pesqueiro e concellos e, a través do obradoiro que coñeceu a conselleira, outorga aos participantes as competencias necesarias para dar unha segunda vida ao lixo mariño.

Deste xeito, no centro de Íntegro reciben e seleccionan por cores os plásticos, realizan un tratamento manual e despois os residuos pasan por máquinas para os procesos de triturado, inxección, extrusión e compresión. A continuación producen distintos produtos, entre eles testos para as plantas, colgantes, brazaletes e agullas para redes.

Este ano o proxecto repartiu máis de 25 contedores entre confrarías e concellos da Costa da Morte e no primeiro trimestre recolleron máis de 400 quilos de residuos coa participación de 87 persoas nas actividades.

A titular de Mar, que estivo acompañada polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, fixo fincapé en que “este traballo contribúe á redución dos residuos mariños e, ao mesmo tempo, axuda a formar ás persoas usuarias de Íntegro en habilidades relacionadas co aproveitamento e valorización dos plásticos”.

Ademais, subliñou o importante labor de concienciación que se realiza con esta iniciativa para manter unha contorna natural limpa e coidada. De feito, o proxecto está incluído na comunidade Internacional Precius Plastic, un movemento mundial que combate a contaminación plástica a través da economía circular e a reciclaxe.

Diversiplás iniciou en 2022 un programa de formación en clasificación e tratamento do material plástico, a adquisición de maquinaria específica e a creación dunha rede de colaboradores con concellos, confrarías e colexios con actividades de sensibilización dirixidas a escolares.

Ademais puxeron en marcha o taller de aproveitamento de plásticos e o programa de dinamización comercial. Os usuarios de Íntegro conseguiron tamén o apoio de redeiras e mariscadoras para accións relacionadas coa limpeza do litoral.