VANDALISMO

Os vándalos cébanse cunha mesa de granito da área de recreo larachesa de Gabenlle

A Policía Local solicita a colaboración cidadá para identificar aos responsables

O Concello procederá a reparar os danos nos vindeiros días

Estado no que quedou a mesa de granito da área recreativa de Gabenlle

Estado no que quedou a mesa de granito da área recreativa de Gabenlle / Concello da Laracha

J. M. Ramos

O Concello larachés denuncia publicamente o acto vandálico rexistrado durante a Semana Santa na área recreativa de Gabenlle, que se saldou con importantes danos nunha das mesas de granito que están a disposición dos usuarios nun dos espazos de lecer e esparexemento de referencia no termo municipal da Laracha.

A Policía Local investiga os feitos e solicita a colaboración cidadá para tratar de dar coas persoas responsables destes actos.

Ao mesmo tempo, o Concello está a tomar as medidas oportunas e nos próximos días levaranse a cabo as actuacións necesarias para reparar os danos e que o mobiliario da área recreativa volva estar á maior brevidade nas mellores condicións para os seus usuarios.

Desde o Concello “laméntase o sucedido e ínstase tanto á cidadanía larachesa como aos visitantes a desfrutar dos espazos públicos e os seus equipamentos de xeito responsable”, sinalan.

En 2022, o Concello xa tivo que facer fronte a un gasto de 4.000 € para repoñer nove balizas do alumeado do paseo de Caión, obxecto tamén dun acto vandálico.