Apoio ao desenvolvemento dos nenos de 125 familias de Bergantiños

A unidade xestionada pola Asociación Galega de Atención Temperá deu cobertura a problemas de retraso evolutivo, de hábitos e de atención

Conta con seis profesionais e incorporará en breve unha nova logopeda

Maica Ures, esquerda, Yaiza Antelo, Jaime Ponte e Evencio Ferrero na presentación do balance

Maica Ures, esquerda, Yaiza Antelo, Jaime Ponte e Evencio Ferrero na presentación do balance / C. C.

J. M. Ramos

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños, xestionada pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), atendeu ao longo do ano pasado a 125 familias, segundo o balance que veñen de presentar o presidente de AGAT, Jaime Ponte, e a coordinadora do servizo, Yaiza Antelo, nunha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures.

Puido atender a case un 17% máis de familias que o ano anterior grazas á ampliación do equipo, que conta agora mesmo con seis profesionais, ás que está previsto sumar en breve unha nova logopeda. En 2023, ademais do reforzo de persoal, tamén melloraron os recursos materiais da unidade, que dispón dunha área de psicomotricidade totalmente renovada grazas ao investimento realizado polo Concello de Carballo.

En 2023 foron atendidas 125 familias, realizáronse 3.396 prestacións de apoio personalizado e 689 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. A redución do tempo de demora de acceso é un dos datos máis salientables do balance, xa que pasou dos 222,57 aos 188,22 días. O 67% dos usuarios residen no municipio carballés, e o resto repártense, de xeito proporcional á poboación de cada concello, entre Coristanco, Laxe, Ponteceso, Malpica e Cabana de Bergantiños.

A idade media de acceso ao servizo segue aumentando, o ano pasado moi lixeiramente, ata os 3,08 anos (no ano 2022 a media fora de 3,05 anos, e en 2020, de 2,9 anos).

Tipoloxía de problemas

Polo que se refire á tipoloxía dos problemas atendidos, os principais corresponden ao retraso evolutivo (39,47%), sitúanse no ámbito afectivo-emocional (23,97%) ou afectan á linguaxe e á fala (14,88%), pero na UDIAF tamén se atenderon problemas de hábitos, de conduta, de atención, motrices, sensoriais, sindrómicos e cognitivos. A valoración das familias segue sendo moi boa, e no pasado ano outorgaron á unidade de Carballo unha puntuación de 4,87 sobre un máximo de 5.

A unidade presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento a nenos e nenas de 0 a 6 anos, a través dun convenio que vén asinando anualmente coa Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. Unha parte fundamental do traballo da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar consiste en coordinarse e colaborar con profesionais dos diferentes servizos e recursos que atenden á infancia desde outros servizos, como colexios, centros de especialidades ou sanitarios. O ano pasado esa coordinación realizouse con 83 entidades, e ademais en outubro levouse a cabo unha formación na que participaron os pediatras da zona.

Local cedido polo Concello

A sede da referida unidade está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo consultorio médico. O servizo é público e gratuíto. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.