Tres persoas feridas nunha colisión múltiple en Santa Comba

Os bombeiros tiveron que estabiliza un dos coches e retirar unha xanela para auxiliar a un dos implicados

Dous dos vehículos implicados no accidente en Santa Comba

Dous dos vehículos implicados no accidente en Santa Comba / Consorcio de Bombeiros

J. M. Ramos

Tres persoas resultaron feridas a causa dunha colisión múltiple na que se viron implicados outros tantos vehículos que circulaban pola estrada AC-400, entre A Pereira e Santa Comba. Ocorreu pouco antes das doce do mediodía e un dos feridos necesitou a axuda dos bombeiros para estabilizar o vehículo e retirar unha xanela.

En total, tres persoas resultaron feridas, unha en cada vehículo, aínda que sen gravidade, a pesares da situación na que quedaron os turismos. Os bombeiros de Santa Comba tiveron que intervir para poder axudar a un dos implicados a saír do seu vehículo. Despois de estabilizar o coche, quitaron unha xanela para permitir a súa saída.

Ata o lugar desprazáronse tamén profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se ocuparon da atención e traslado dos feridos, así como axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico, que recolleron toda a información sobre o sinistro para a súa posterior reconstrución.