FESTA DO VIÑO DA ULLA

Castro de Balar, distinguido como mellor albariño da Ribeira do Ulla

O segundo premio foi para Chouza e o terceiro para Alargo

Este ano foron nomeados comendadores Xosé Regueira, Lucía Calvo, Dori Pegita e Fran Cañotas

Nos últimos cinco anos, a Xunta dedicou 40 millóns de euros á modernización do sector

Autoridades autonómicas, provinciais e locais na Festa do Viño da Ulla

Autoridades autonómicas, provinciais e locais na Festa do Viño da Ulla / Xunta de Galicia

J. M. Ramos

 A gran Festa do Viño da Ulla chegou ao seu fin este domingo, despois dunha intensa fin de semana na que xuntou milleiros de amantes do albariño no campo da festa de San Miguel de Sarandón, en Vedra, onde unha ducia de adegas da ribeira do Ulla, adheridas á Denominación de Orixe Rías Baixas, convidaron a degustar os seus exquisitos caldos.

A xornada dominical comezou cunha ruta mototurística polos viñedos da contorna e cun concerto da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla. Pasado o mediodía, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, dirixiu unhas verbas a todos os asistentes e deu paso ao pregón, que este ano correu a cargo de Fran Cañotas, presentador do programa da TVG A voltas co prato, quen subliñou que “arredor do viño sempre hai vida, historias e moitos contos”.

Asemade, como marca a tradición, foron nomeados catro novos membros da Orde dos Amigos e Amigas do Viño da Ulla. Un deles foi o pregoiro, Fran Cañotas, e os outros tres distinguidos foron Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa de Teo, e Dora Pegito, da Sociedade de Vedra en Bos Aires.

Despois chegou un dos momentos máis esperados da xornada: a entrega dos premios da VI Cata Concurso dos Viños Rías Baixas - Albariño da Ribeira do Ulla, resultando gañador Castro de Balar, un albariño monovarietal da Adega Alba, de Rarís (Teo). O segundo premio foi para Chouzal e o terceiro para Alargo, da Adega Gómez e Rial.

Entre os asistentes aos actos da Festa do Viño da Ulla estaba o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, quen enxalzou este tipo de eventos, “que se configuran como ocasións idóneas para resaltar a tradición adegueira de Galicia, louvar a calidade dos viños galegos e recoñecer o gran labor que desempeñan os viticultores”, afirmou.

Destacou ademais as diferentes liñas de axudas específicas para o sector, subliñando que só no período 2018-2023 superou un investimento do Goberno autonómico de máis de 40 millóns de euros, enfocado a seguir avanzando na competitividade e modernización “dun eixo chave do rural galego”.

Autoridades e adegueiros premiados na Festa do Viño da Ulla

Autoridades e adegueiros premiados na Festa do Viño da Ulla / Xunta de Galicia

Cabarcos tamén fixo referencia á estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas galegas, posta en marcha pola Xunta co obxectivo de consolidar o sector nos diferentes mercados e potenciar o enoturismo.

A festa de exaltación dos viños de esta subzona da D. O. Rías Baixas estivo animada durante toda a fin de semana con moita e boa música.

O Viño Son xuntou na noite do sábado milleiros de persoas que desfrutaron e bailaron ao ritmo da orquestra París de Noia e da disco móbil Chocolate. Na xornada dominical, a sesión vermú estivo amenizada polo grupo folclórico Faiscas da Pontraga e a Agrupación Folclórica O Fiadeiro, de Vigo.

Os amantes do albariño puideron acompañar o viño con polbo e outros produtos gastronómicos, e os máis pequenos da casa desfrutaron de actividades e atraccións infantís no campo da festa. O broche de outro a esta corenta e dúas edición chegou cos concertos de Festicultores Troupe, Rebeldía e Familia Caamagno.

TEMAS