Maio artístico en Negreira: o Concello premia as mellores pinturas da mocidade e Gazafellos dalle pulos á literatura

A administración local convoca o certame de debuxo con tres categorías por idade e galardóns que van dende os 200 euros a material

Dende a asociación cultural amplían este ano as categorías a dúas, e os recoñecementos serán de 60 € en cada unha delas

Un recente debate poético celebrado na sede nicrariense de Gazafellos do Val

Un recente debate poético celebrado na sede nicrariense de Gazafellos do Val / Gazafellos

O Concello de Negreira e a asociación barcalesa Gazafellos do Val están a darlle un novo pulo ás artes estes días convocando certames, respectivamente, de pintura infantil e literatura.

No primeiro caso, a administración local promove a décimo quinta edición do seu Certame de pintura infantil Negreira en cor, no que poderán concorrer mozos e mozas de entre 5 e 18 anos de idade, en tres categorías: de 5 a 7 anos; de 8 a 13 e de 14 a 18 anos. A temática será libre, con liberdade de estilos e medios, pero non premiados noutros concursos. Para a súa presentación haberá liberdade de soportes e tamaños, e o prazo de presentación de traballos continúa aberto até o día 6 de maio, na delegación de Cultura (casa da cultura, 1ª planta 15830 Negreira). Cada orixinal debe levar o formulario de inscrición cuberto.

E Gazafellos organiza o seu Certame das Letras Gazafellas, incluíndo este ano un cambio importante: haberá dúas categorías: Infantil (de 3º a 6º de primaria) e Xuvenil (ESO, Bacharelato e FP, ata 18 anos), nas que se poderá participar, indistintamente, cun poema ou relato. Os premios serán de 60 euros para mercar na libraría Remuíño (para o Infantil), e 60 euros en metálico (para o Xuvenil). Os traballos enviaranse por email (gazafellosdoval@gmail.com) con data límite do 1 de maio.

TEMAS