O outense Abel Tomé gaña o premio García Barros 2024 na Estrada con 'A noite do Oso'

O xurado destacou a capacidade para fusionar realidade e lenda deste xornalista

Recibirá 9.000 euros e xa acadou galardóns como o Cunqueiro ou o da revista 'A Pipa'

O autor premiado co García Barros 2024, o outense Abel Tome

O autor premiado co García Barros 2024, o outense Abel Tome / Galaxia

Abel Tomé foi o gañador do Premio García Barros 2024 que convoca o Concello da Estrada con 'A noite do Oso'. O xurado, formado por Carlos Loureiro, como secretario; Noelia Gómez Calvo, xornalista e poeta; Armando Requeixo, crítico literario; Rosalía Morlán, escritora; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; destacou nesta novela "a súa capacidade para fusionar realidade e lenda nunha narración que avanza no territorio avolto dos segredos familiares ao longo da historia de todo un século".

"Escrita con innegable oficio, esta novela ganduxa as fías do relato persoal e o comunal, establecendo un diálogo feraz coa figura de Sylvia Plath, que presta a esta narración simbolismo e poder evocativo", aportaban os seus membros. Abel Tomé (Outes, 1984) é graduado en xornalismo. Como estudante, gañou xunto a outros compañeiros o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013. Tamén foi gañador do primeiro premio Revista A Pipa 2015 na modalidade de poesía. Actualmente compaxina a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos. En 2018 publica 'A noite do corvo', a súa primeira novela, en 2019 gañou con 'A noite do lobo', o Premio Illa Nova de Narrativa. No seu caso, o galardón estradense ten unha dotación económica de 9.000 euros.

Dende a organización precisan, segundo se fai eco a editorial Galaxia, de que entenden que "un dos bens máis prezados desta comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea o Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades). Ademais, destacan que deste xeito pretenden "testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista Don Manuel García Barros, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas".

Este recoñecemento municipal faise en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia.