INNOVACIÓN

O satélite con encaixes do IES Ramón Caamaño de Muxía representará a Galicia no CanSat

O proxecto de seis alumnas de 4º de ESO gañou o concurso autonómico

Competirán en Murcia polo título nacional da Axencia Espacial Europea

Participaron 23 equipos de 19 colexios e institutos galegos

As gañadoras co seu profesor Carlos López Bueno

As gañadoras co seu profesor Carlos López Bueno / IES Ramón Caamaño

J. M. Ramos

Seis alumnas de 4º da ESO que forman o equipo Muxía en Órbita, do IES Ramón Caamaño, son as gañadoras da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024 cun satélite con paracaídas feito de encaixe. Representarán a Galicia na fase nacional do certame, que se celebrará en Murcia os días 16 e 17 de maio.

O equipo muxián, coordinado polo profesor Carlos López Bueno, xunto con outros 22 grupos, realizou o lanzamento do seu satélite, do tamaño dunha lata de refrescos, o pasado martes no aeródromo de Cerceda. O proxecto das alumnas do IES Ramón Caamaño aposta por misións secundarias sostibles, artísticas e inclusivas.

Co seu satélite trataron, segundo explica o seu profesor, de recuperar a enerxía perdida en forma de calor empregando materiais termoeléctricos, ao tempo que crearon unha melodía a partir dos datos recollidos, empregando a intelixencia artificial. “Tras algúns imprevistos de última hora, lograron realizar todas as misións con éxito, o que permitiu que se alzasen coa vitoria, tras unha gran defensa do seu proxecto perante o xurado”, subliña Carlos López.

Dende o centro aseguran que este proxecto “non sería posible sen a rede de colaboradores” coa que contaron, todos eles empresas e asociacións locais: Gerca, Caramba, Arroutada, Bela Muxía, APTCM, CMAT, Albergue O Cabanel, Asociación de Palilleiras Nosa Señora da Barca e Chuches Franches.

A gran final galega celebrouse no Centro Integrado de FP Compostela, onde presentaron resultados os 23 equipos participantes neste concurso, no que tomaron parte este ano máis de 140 alumnos de 19 colexios e institutos galegos.

Ademais do equipo de Muxía en Órbita, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén fixo entrega dos premios a mellor difusión e financiación CoiaSAT ao IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo; ao equipo máis profesional, que foi o do CPR Compañía de María, da Coruña; ao mellor logro técnico para o IES Perdouro, de Burela; á mellor misión científica ao IES Manuel Murguía, de Arteixo; e o premio honorífico para o CPR Ayala de Ferrol.

Competencias científicas

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, asistiu ao acto e felicitou a todos os participantes polos seus satélites, que puxeron a proba o pasado martes no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. Animounos, así mesmo, a seguir interesándose por este tipo de retos tecnolóxicos, que melloran as súas competencias científicas e contribúen dun xeito moi positivo á súa experiencia escolar.