INICIATIVA

Cee impulsa un plan estratéxico de turismo para posicionarse como un destino sostible e desestacionalizado

A alcaldesa asegura que permitirá identificar as prioridades dos investimentos

Escoitarán a institucións e profesionais do sector

Peregrinos no Camiño a Fisterra, ao seu paso pola Armada, en Cee

Peregrinos no Camiño a Fisterra, ao seu paso pola Armada, en Cee / Concello de Cee

J. M. Ramos

O Concello de Cee vén de impulsar o Plan Estratéxico de Turismo que marcará as directrices de promoción e xestión turística local para o período 2024-2026. Este documento marco contempla tres obxectivos fundamentais: converter o municipio nun destino sostible, diferenciado, con servizos de calidade e desestacionalizado; xerar oportunidades de desenvolvemento local, mellorar a experiencia das persoas visitantes no destino e fortalecer o sector turístico;e mellorar a gobernanza e a xestión mediante a planificación, a detección de oportunidades e a toma de decisións intelixente.

O plan será elaborado mediante unha estratexia participativa cunha fase de diagnóstico que arranca o luns, día 20, e que contempla consultas mediante enquisas e entrevistas aos axentes institucionais locais, ao sector turístico, aos colectivos relacionados cos recursos turísticos e patrimoniais e á cidadanía en xeral.

Co fin de acadar os obxectivos fixados, analizarán os recursos e produtos turísticos, como é o caso do Camiño de Santiago, a cultura ou as actividades de turismo activo e deportivas. Ademais, tamén se avaliarán novos nichos de desenvolvemento turístico, así como as necesidades de mellora no eido da calidade e da promoción do destino para atraer poboación de xeito desestacionalizado.

A alcaldesa, Margarita Lamela, destaca que este plan posibilitará que o equipo de goberno municipal identifique as prioridades de investimento para a mellora integral do sector turístico e a execución de ditas prioridades, tanto con fondos propios como con outras fontes de financiamento nesta lexislatura.

A iniciativa enmárcase na estratexia de mellora da competitividade turística, que contempla outras accións, como a adhesión á rede de destinos turísticos intelixentes, a atracción de congresos e eventos turísticos, como o Encontro Internacional Starlight, ou a posta en valor da factoría baleeira. O plan será elaborado pola empresa galega Trivium Estratexias de Cultura e Turismo e o prazo de execución é de catro meses.

TEMAS