Seis veciños de Dumbría lembran historias da vila en audioguías para visitas comentadas

Explican como se vivía na época dos serradoiros ou da construción dos túneles da hidroeléctrica

Celina, unha das veciñas de Dumbría que participa no proxecto Contos do mar

Celina, unha das veciñas de Dumbría que participa no proxecto Contos do mar / Cedida

Suso Souto

O Edificio Bitácora do Ézaro acollerá o día 8 a presentación do proxecto participativo que permite recuperar a memoria dos lugares de Dumbría a través dos recordos de seis veciños, no marco do programa Contos do Mar, no que tamén participan Carnota e Fisterra para poñer en valor o patrimonio inmaterial da cultura mariñeira.

As lembranzas de Maricarmen, Celina, María Luisa, Alejandro, Lela e Genoveva recolléronse en audioguías que o Concello lles facilitará aos visitantes para un roteiro comentado dende o Centro de Interpretación de Rutas Monte Pindo.

Así, por exemplo, Maricarmen conta o ben que se dan as cebolas no Ézaro, onde os terreos de cultivo son parcelas moi pequenas, pero a auga abundante, o que lle da un sabor especial; Lela explica, cunha pincelada de humor, que as mulleres eran as que carrexaban as toradas de madeira dende as montañas ata os serradoiros da costa; e Celina explica que nos tempos da construcción dos túneles da central hidroeléctrica do Ézaro existía un funicular para transportar os materiais dende o Coadoiro ata a Pedra da Folga, e que en ocasións ela tamén montaba para ir buscar pólvora á fábrica.