Congalsa impulsa a formación laboral da xuventude a través do programa Mentoring

Meneses, oitava pola esqda., cos mozos e mozas en Congalsa

Meneses, oitava pola esqda., cos mozos e mozas en Congalsa / Cedida

Suso Souto

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou este martes a unha vintena de mozos e mozas nunha visita á empresa Congalsa, na Pobra. Trátase dunha actividade encadrada no programa Mentoring impulsado pola Xunta co obxectivo de asesorar e formar á xuventude na súa transición á vida laboral tras rematar os estudos de grao ou FP.

Para perfilar e perfeccionar habilidades e competencias de cara a incorporarse ao mercado laboral, estes mozos e mozas contan en todo o proceso cun equipo de titores que acompañan e guían ás persoas usuarias deste programa, que inclúe visitas a empresas, como a realizada a Congalsa para coñecer de primeira man o funcionamento e dinámicas desta empresa de alimentos precociñados ultraconxelados que conta con 30 anos de historia.

Meneses explicou que as visitas ás empresas son “parte fundamental” do programa, que xa vai pola quinta edición e do que destacou que xa teñen pasado “1.200 persoas mozas cun exitoso resultado de inserción laboral”.