Finaliza a restauración de peto de ánimas de Cacheiras que foi vandalizado con pintura vermella

Imaxe do peto de ánimas xa restaurado

Imaxe do peto de ánimas xa restaurado / Cedida

Esta semana finalizaron os traballos de restauración do peto de ánimas de Cacheiras (Teo) da man do conservador e restaurador Xabier Bernárdez Fresco (Berna). Un traballo que supuxo a recuperación dun elemento catalogado por Patrimonio e incluído no inventario de bens culturais do PXOM que ten gran veneración entre a veciñanza. Este monumento fora vandalizado con pintura vermella a finais do pasado ano.

Concretamente, os danos localizáronse principalmente no retablo central do peto de ánimas no que figura a Virxe María suspendida entre as nubes que tende a man para liberar do lume do purgatorio a tres almas. A representación de meniños entre as lapas, purgando os seus pecados, é pouco habitual, pois contraponse coa peculiar inocencia infantil. Este feito outórgalle gran orixinalidade a un monumento que permanecía en bo estado de conservación.

Xunto co de Raxó, o peto de ánimas de Cacheiras é unha das mellores mostras etnográficas e da arquitectura popular ao culto aos mortos e da devoción ás ánimas.

Imaxe do peto de ánimas xa restaurado

Imaxe do peto de ánimas xa restaurado / Cedida

Precisamente, por esa gran importancia e veneración que ten este elemento, o Concello de Teo condenou de forma enérxica o acto de vandalismo, tramitando a correspondente

denuncia e solicitando á veciñanza a súa colaboración para, ante este tipo de comportamentos destrutivos, se denuncien os actos.

Cómpre lembrar que esta figura foi restaurada no ano 1987 e máis recentemente en 2009. Orixinalmente atopábase xusto no cruce entre a estrada comarcal de Santiago á Estrada

coa de Cacheiras ás Galanas, pero coa reforma da actual AC-841 foi traslada ao seu emprazamento actual para garantir a súa conservación e facilitar a súa valorización.