CULTURA

Lupe Blanco e Luis Caruncho regueifan cos estudantes de Boiro

O primeiro certame escolar promovido polo Concello xuntou a alumnos de nove colexios e institutos

O obxectivo é achegar á rapazada á tradición e dar a coñecer a poesía oral improvisada

Participantes no primeiro certame de regueifas de Boiro

Participantes no primeiro certame de regueifas de Boiro / Concello de Boiro

J. M. Ramos

O Concello de Boiro celebrou este venres o I Certame de Regueifas cos centros educativos do municipio. No festival, que estivo presentado por Lupe Blanco e Luis Caruncho, participaron os escolares do CEIP Cespón, CEIP Abanqueiro, IES A Cachada, CEIP Santa María do Castro, CEIP Escarabote, IES Espiñeira, CEIP Praia Xardín, CEIP Santa Baia e IES Praia Barraña. Cantaron as súas creacións e realizaron xogos de rimas.

Previamente a este certame, o alumnado dos distintos centros participou en obradoiros nos que os rapaces tiveron a oportunidade de improvisar con xogos de palabras. “Celebramos este festival con motivo da celebración das Letras Galegas, para poñer en valor a nosa lingua”, afirmou a concelleira de Ensino, Carmen Silva.

Primeiro certame de regueifa en Boiro

Primeiro certame de regueifa en Boiro / Concello de Boiro

O obxectivo desta actividade foi dar a coñecer o fenómeno da poesía oral improvisada en verso, achegar á rapazada a tradición, explicando a historia da regueifa e outras expresións da improvisación que existen por toda Galicia, así como espertar posibles vocacións nesta práctica artística cun importante poder didáctico.