FESTAS

O incombustible grupo madrileño Los Secretos actuará no San Xoán de Carballo

O concerto será gratuíto o día do patrón, 24 de xuño, ás 23.00 horas na Praza do Concello

O 31 de maio presentarase o cartel completo das celebracións da capital de Bergantiños

Los Secretos actuarán o día 24 de xuño na Praza do Concello de Carballo

Los Secretos actuarán o día 24 de xuño na Praza do Concello de Carballo / Marta Pich

J. M. Ramos

Quen vai actuar no San Xoán de Carballo? Para coñecer o programa completo que ten preparado a comisión de festas haberá que agardar ata o venres 31 de maio, pero xa está confirmada unha das grandes actuacións: o incombustible grupo madrileño Los Secretos, que ofrecerá un concerto o día do patrón, 24 de xuño, a partir das 23.00 horas, na Praza do Concello.

Despois de comezar o ano cun éxito sen precedentes no teatro Novo Apolo de Madrid, o seu musical A tu lado está a converterse nun dos triunfos máis absolutos de toda a carreira de Los Secretos, que esgota entradas en todas as cidades. En Carballo, veciños e visitantes poderán escoitalos nun concerto gratuíto, aberto a toda a todas as persoas que queiran achegarse ata a Praza do Concello.

Membros da comisión de festas do San Xoán 2024 de Carballo

Membros da comisión de festas do San Xoán 2024 de Carballo / C. Carballo

 A tu lado é un espectáculo de “teatro musicalizado” que está a recibir moi boas críticas do público e da prensa especializada. Brillante, emotivo e elegante, este musical ábrese agora paso por cidades como Bilbao, Mallorca, Alacante, Zaragoza, Murcia, Xixón, Sevilla, Valencia, Pamplona, Cáceres… e Carballo!

Dende a comisión de festas confían en poder escoitar tamén algún anticipo do novo álbum de estudo que prometen sacar en setembro. "Este San Xoán teremos en Carballo a uns Secretos totalmente renovados, cheos de enerxía e paixón, que sen dúbida recibirán todo o agarimo do seu público, máis incondicional que nunca", afirman.