FESTAS

O San Xoán 2024 de Carballo xa ten cartel promocional

O pontecesán Adrián Varela é o autor do deseño e o gañador do concurso

A proposta pon en valor a identidade da celebración da capital de Bergantiños

Cartel promocional das Festas de San Xoán 2024 de Carballo

Cartel promocional das Festas de San Xoán 2024 de Carballo / Adrián Varela

J. M. Ramos

Adrián Varela Bermúdez (O Couto-Ponteceso, 1982) é o gañador do concurso do cartel das festas do San Xoán de Carballo, que se celebrarán do 19 ao 30 de xuño. A súa proposta representa, como el mesmo di, “a tradición” e pon en valor a identidade e as raíces da nosa festa a través de elementos como o lume, as sardiñas, a música tradicional e, como non, a xente. “Somos unha potencia e non podemos perder a nosa identidade”, engade.

Adrián Varela, ou Adrián do Gharelo como é coñecido na súa aldea do Couto, é técnico de Artes Gráficas e Deseño e está moi vinculado desde neno ao forte movemento asociativo e cultural da súa parroquia. O seu cartel está dominado polas cores laranxa e vermella, que, desde o seu punto de vista, “marcan unha filosofía neste evento”, e aprécianse as influencias que o acompañan desde neno, como Luis Seoane.

O xurado, integrado pola comisión de festas, tivo que escoller entre numerosas propostas chegadas desde toda Galicia e mesmo desde outros puntos do territorio nacional. Adrián Varela recibirá un premio de 500 euros, patrocinado, un ano máis, por Opticalia Enríquez. A entrega realizarase coincidindo coa presentación oficial do programa das festas.

Membros da comisión organizadora do San Xoán de 2024 en Carballo

Membros da comisión organizadora do San Xoán de 2024 en Carballo / C. Carballo

Na comisión organizadora do San Xoán 2024 están integrados o Concello de Carballo e a Asociación Cultural San Xoán. En representación desta última forman parte Sergio Varela Fuentes, presidente; Gustavo Lorenzo Pena, secretario; José Antonio Deus Antelo, Mª Carmen Pacoret Rey e Roberto Rancaño Lagoa, como vogais, e Asun Vázquez Bértoa, Alejandro Nogueira Carral, Mónica Gerpe Galindo, Iván Blanco Martínez, e Óscar Álvarez Pose, como colaboradores. O Concello de Carballo, pola súa banda, está representado por Maruxa Suárez Cotelo, concelleira de Cultura e Festas, e Carmen Castro Pombo, xefa do servizo de Cultura.