INNOVACIÓN

A Intelixencia Artificial monitoriza o crecemento de pementos e tomates nun invernadoiro de Zas

A empresa Azura Tech estuda o consumo de auga e a resistencia ás pragas de especies autóctonas

Pon a información a disposición dos produtores e brinda apoio a persoas en risco de exclusión social

María Rivas, á esquerda, e Cristina Gil, no invernadoiro da empresa tecnolóxica en Zas

María Rivas, á esquerda, e Cristina Gil, no invernadoiro da empresa tecnolóxica en Zas / D. G.

J. M. Ramos

Azura Tech é unha empresa tecnolóxica, con sede en Zas, que conta cun invernadoiro de 50 metros cadrados no que desenvolve estudos sobre o consumo de auga de especies autóctonas de pementos e tomates, así como a súa resistencia ás pragas ou ás virosis. Un traballo que desenvolve a través de ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) que monitorizan en todo momento o crecemento destes cultivos e facilitan o estudo dos mesmos.

O obxectivo final é fomentar a agricultura ecolóxica poñendo a información recollida a disposición das e dos produtores ou doutras empresas de asesoramento para a implementación de solucións para os cultivos de vexetais.

María Rivas, esquerda, e Cristina Gil no invernadorio de Azura Tech

María Rivas, esquerda, e Cristina Gil no invernadorio de Azura Tech / D. G.

A súa xerente, Cristina Gil, destaca o “carácter social e comunitario” desta pequena empresa tecnolóxica, xa que realizan talleres de transferencia do coñecemento adquirido a toda a comunidade agraria. Ademais, levan a cabo actividades específicas con persoas en risco de exclusión social, ou con entidades que promoven a inclusión de persoas con discapacidade.

Cristina recibiu este martes a visita da subdelegada do Goberno, María Rivas, quen subliñou que “son este tipo de empresas as que axudan a poñer en valor os nosos produtos, ademais de contribuir a visibilizar tanto ás mulleres no ámbito rural como na ciencia e na tecnoloxía, polo que son iniciativas con un altísimo valor, que deben ser apoiadas”.

De feito Azura Tech é unha das beneficiarias das axudas do programa Kit Dixital do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, que mobilizou máis de 107 millóns de euros en Galicia a través de 25.800 abonos, 9.700 deles na provincia da Coruña, onde o investimento supera os 41 millóns de euros, segundo sinalou María Rivas.

Subliñou ademais que na última convocatoria creáronse dous novos tramos para empresas de 50 a 100 empregados e tamén para as de entre 100 e 250 traballadores. Ademais, as de menos de tres empregados, como Azura Tech “verán incrementado o importe da axuda ata os 3.000 euros”, afimou a subdelegada.