MÚSICA

Noia Harp Fest convoca o terceiro Premio Internacional de Composición Portus Apostoli

Poden participar compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade

O prazo para presentar as creacións estará aberto ata o 23 de decembro

O galardón conleva unha achega económica de 2.500 euros

Estrea de 'Hibrys', gañadora do Portus Apostoli 2023, con Beatriz Cortesao e a Real Filharmoía de Galicia

Estrea de 'Hibrys', gañadora do Portus Apostoli 2023, con Beatriz Cortesao e a Real Filharmoía de Galicia / Noia Harp Fest

Redacción

O festival Noia Harp Fest convocou o terceiro Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, promovido coa colaboración do Concello, á fin de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra na seguinte edición do festival, que terá lugar no verán de 2025.

O prazo estará aberto ata o 23 de decembro a compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa –así como da orquestración–; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega.