Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Bloggers, produtores, chefs e políticos déronse cita no saborEarte // Trátase dunha iniciativa do programa O Teu Xacobeo, no que se mesturan gastronomía e fotografía como recursos turísticos do Camiño Portugués da Costa TEXTO Sol Elvira

A cociña de proximidade deleitou no recinto da Azucreira de Portas

O Concello pontevedrés de Portas acolleu a terceira cita do proxecto saborEarte, a iniciativa do programa O Teu Xacobeo que centra as súas accións na gastronomía e a fotografía como recursos de promoción turística para o Camiño Portugués da Costa. Membros da Corporación municipal, produtores da zona e bloggers gastronómicos déronse cita na Antiga Fábrica Azucreira de Portas. O espazo interior da fábrica, reconvertido en local de uso público, acolleu o terceiro dos cinco eventos presenciais que a iniciativa presentará ao longo do mes de maio.

Desde a súa concepción, saborEarte é cociña de proximidade e fotografía gastronómica. A xornada foi tamén nostálxica, xa que ademais de rememorar o pasado da Azucreira, o chef Miguel Mosteiro, encargado de dirixir as mostras de cociña, trasladou aos asistentes á súa nenez con varios pratos dedicados ao seu pai, natural de Portas, da parroquia de Romai. Coa proximidade que o caracteriza, Mosteiro falou aos comensais da afección do seu pai pola pesca no Umia –en tempos río moi salmonero–. Tamén da súa querenza polos froitos secos, o cultivo de froiteiros que eran unha auténtica novidade para a época ou as xornadas nas que o acompañaba na recolección de cogumelos ou de berros nos arroios da zona.

Coa colaboración dos chefs Julio García e Pepe Santos, Mosteiro guiou a súa audiencia a través da elaboración dos tres pratos que conformaron o showcooking. A primeira proposta foi un Salmón curado con remolacha, guacamole e crema de queixo de herbas, acompañado de berros e encurtidos. O chef compartiu cos asistentes os segredos da longa preparación deste prato, cun salmón de aspecto avermellado resultado dunha curación de 24 horas nunha mestura de sal e azucre, á que engadiu anacos de remolacha, en recordo á materia prima que nutría á Antiga Fábrica Azucreira. Serviuse acompañado tamén de anaquiños de pistacho, así como de tomate pasificado, que achegou un toque doce en contraposición ao momento picante do ravo encurtido. Ademais, Mosteiro demostrou en vivo o lixeiro toque de afumado do prato.

A segunda proposta, Cordeiro a baixa temperatura con ravioli de boletus, crema de cabaza asada e demi-glace, foi outro exemplo de prato cun longo proceso de elaboración. Os rulos de cordeiro presentados en cada prato, foron o resultado dun cociñado da carne a baixa temperatura durante 26 horas, posteriormente desosada e desmenuzada. Tamén o demi-glace, obtido a partir dunha extensa redución dos ósos do cordeiro.

A sobremesa, con Lingote de queixada con mousse de requeixo e mel, marmelada de albariño, froitos vermellos e tella de améndoa, incluíu un marmelo elaborado con laranxa sanguina e marmelada de albariño. Esta última foi un dos produtos locais presentados no evento, sempre moi centrado na cociña de proximidade e na promoción dos produtores locais. Creada pola empresa A Mariquita de Azucre, esta marmelada elabórase con uva albariño da zona de Portas, ás que os seus produtores eliminan pacientemente as pebidas para obter un produto gourmet e completamente artesanal.

Como non podía ser doutra maneira, a degustación estivo acompañada de viños das Rías Baixas, pertencentes a adegas locais ou que traballan con produtores de uva dentro do concello, como Terra de Lantaño, Viña Almirante e Moraima.

SaborEarte contará con dous eventos presenciais máis ao longo de maio. O día 22, o showcooking chegará a Pontecesures, e o día 28 terá lugar o evento en Padrón.

20 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.