Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Lalín aposta polo cine e haberá proxeccións os mércores 21 e 28 de decembro e o 4 de xaneiro // Melide organiza obradoiros que fomentan unha mentalidade máis sustentable // Santa Comba abre a pista de xeo o 23 no Campo da Feira TEXTO A. Pérez

A comarca inúndase de Nadal e actividades para a cativada

Xa estamos de cheo na tempada de Nadal, os rapaces e rapazas aínda non colleron as vacacións, pero as rúas xa se encheron de luces e da típica decoración desta datas. Tamén os concellos da comarca de Santiago, de Ordes-Arzúa e os que conforman Deza e Caldas-Tabeirós arrancaron xa coa programación estival.

En Negreira, o goberno local deseñeu un amplo abano de propostas, que arrancaron o pasado día 9. A seguinta cita está marcada para este venres 16 no auditorio Afonso Eanes do Cotón. Alí, ás 19.30, terá lugar o fallo do XI Premio Poesía Ardeiro. Na Baña un ano máis despedirán o ano coa San Silvestre. A carreira, de 4 quilómetros, sairá ás 17.00 horas da Praza do Concello para percorrer as rúas de San Vicenzo. Os que o desexen poden anotarse de balde ata o 28 deste mes enviando un correo a deportes@concellodabana.gal ou un WhatsApp ao 669 368 413.

Pola súa banda, o Concello de Teo, xunto con representantes da Asociación de Empresarios de Teo (AET), presentou a campaña de apoio ao comercio local nestas datas. Baixo o lema Un Nadal de noso, este ano sortearán case 80 cestas de produtos de alimentación entre a clientela. Xa en Oroso os nenos e nenas, así como os adultos, poderán ver a Papá Noel o 22 e 23 de decembro na Praza de Isaac Díaz Pardo e, no mesmo lugar e nas mesmas datas, desfrutarán do mercado de artesanía de Nadal. Ao longo do mes haberá obradoiros ou actuacións, e non faltará a Cabalgata de Reis.

En Santa Comba a iluminación de Nadal xa embelece dende hai días as 17 parroquias. E agora, o vindeiro 22, os máis pequenos agardan con entusiasmo a apertura da pista de xeo no Campo da Feira, que desta vez permanecerá na capital xalleira ata o 8 de xaneiro e abrirá todos os días en horario de mañá e tarde. Non faltará a visita de Papá Noel os días 21, 22 e 23 e actuacións, como a de Peter Punk Pallaso o 23 no auditorio do edificio multiúsos. Tamén haberá un ciclo de cine e non faltará a tradicional Cabalgata de Reis.

O goberno local de Melide puxo en marcha un programa cargado de obradoiros que fomentan entre a cativada unha mentalidade sustentable. Asemade non faltarán os concertos e espectáculos ao longo de todo o mes. O máis próximo será este venres 16 no centro sociocultural Mingos de Pita, ás 19.30 horas, e está organizado pola Asociación Tres por Cuatro.

Xa na comarca do Deza, en Lalín apostan polo cine. Por iso os vindeiros mércores, 21 e 28 decembro e 4 de xaneiro ás 18.00 horas, terá lugar no Salón Teatro unha serie de proxeccións para os máis cativos das familias. O primeiro filme que poderá verse é Bella e o Circo Máxico.

Na zona de Caldas-Tabeirós, Valga convoca un ano máis o Concurso de Beléns, que cumpre a súa vixésimo primeira edición e se ten convertido xa nunha das actividades máis características da programación cultural destes festexos. Neste certame poden participar particulares, entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos ou establecementos comerciais. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 30 e o trámite debe realizarse na casa do concello. Asemade, neste municipio os rapaces tiveron a oportunidade de falar con Papá Noel por videoconferencia dende a aula CEMIT. E en Caldas, os veciños gozan dunha vila ben iluminada. Segundo o Concello, as iniciativas veciñais que comezaron hai tres temporadas increméntanse novamente, e este ano poden verse decoracións no barrio da Ferrería e nas rúas Souto María López, Igrexa e Fornos, Constitución, Alhóndiga, Pasionistas, San Roque ou Campo da Torre.

14 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.