Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A asociación ecoloxista realizou na vila amesá un obradoiro de balde // Os participantes formáronse e obtiveron unha visión completa da problemática dos residuos TEXTO C. Estévez

A compostaxe, a estudo grazas ao curso de Adega

A asociación ecoloxista Adega realizou durante os meses de maio e xuño a formación denominada Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada para o emprego dentro do Programa Empleaverde, e o Concello de Ames foi un dos beneficiados neste evento. Esta formación técnica, de balde e dirixida a persoas en situación de desemprego, contou cunha alta participación e conseguiu formar e capacitar ao longo dos últimos meses a múltiples profesionais en compostaxe.

O obxectivo das accións formativas foi dotar ao alumnado dunha visión completa sobre a problemática actual dos residuos, capacitando a profesionais no proceso e técnicas de compostaxe, que coñezan e determinen a calidade e usos do compost, así como a adquisición de habilidades específicas para implementar unha educación ambiental de calidade. O Concello de Ames colaborou con Adega cedendo as instalacións para a realización dos cursos. No inicio da formación, o concelleiro e a técnica de Medio Ambiente, Manuel Lens e Patricia Reboreda, xa pronosticaban e desexaban un curso de proveito con moitas oportunidades e posibilidades de emprego verde e de futuro. De feito, completáronse todas as prazas dispoñibles, á vez que se ofreceu un servizo de calidade a través dunhas boas instalacións e persoal técnico cualificado.

CONTIDOS. O curso técnico de compostaxe descentralizada tivo unha duración de 100 horas presenciais, impartidas en sesións teóricas e prácticas nas que se promoveu a compostaxe como xestión sustentable dos biorresiduos, sempre a través de técnicas de aprendizaxe activa, favorecendo o desenvolvemento integral do alumnado dende unha perspectiva ampla. Así, durante a formación, realizáronse diferentes actividades relacionadas coa xeración, tipoloxía e separación en orixe dos residuos, co proceso e as técnicas de compostaxe, coa implantación de proxectos de compostaxe e actividades de deseño, execución e avaliación de campañas de divulgación e sensibilización ambiental.

Na parte práctica, o alumnado realizou diversas actividades, tales como montaxe de composteiros, fabricación de peneiras para o cribado do produto final e test de xerminación, así como operacións de mantemento, medición de parámetros e toma de datos nos composteiros comunitarios do programa de compostaxe escolar do CEIP de Barouta.

Unha das saídas realizadas foi a visita a unha iniciativa empresarial de compostaxe como é a planta de substratos e fertilizantes orgánicos Ecocelta, na que tanto o xerente Sergio Quiroga como a directora comercial Bárbara Álvarez, explicaron o seu funcionamento, as características dos residuos que reciben, o proceso de compostaxe en pilas e da vermicompostaxe e finalmente a obtención do produto para a venta, envasado e etiquetado.

O curso finalizou cun acto de clausura que tivo lugar nas instalacións da Aula da Natureza do concello de Ames, situadas no lugar de Quintáns, na Ameixenda. Nesta xornada, tanto o alumnado como o persoal docente de Adega puideron gozar dun derradeiro día moi especial, no que compartiron experiencias e reflexións sobre os principais retos de futuro. Fixéronse tamén diferentes obradoiros de reciclaxe e compostaxe, degustáronse petiscos e finalmente foi o turno da entrega dos certificados de mestría en compostaxe a todo o alumnado, emitidos pola coordinadora Composta en Red.

Este proxecto está subvencionado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Todas as accións desenvoltas neste curso son gratuítas.

10 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.