Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Os principais eventos recibirán axudas que van desde 5.800 ata 35.000 € // Entre eles atópanse a Mostra de Curtas de Noia e o Asalto ao Castelo vimiancés // Couto defende que son ferramentas de primeiro nivel na difusión da cultura TEXTO M.Cano

A Deputación destina 233.067 euros a doce festivais de Área

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión de 549.993,17 euros para subvencionar a vinte e catro festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos e entidades locais de toda a provincia durante 2022.

Cineuropa, Curtocircuíto, Cinema Miúdo, O Festival de Artes Escénicas na Rúa do Concello de Betanzos, Festival Folk Sisalde de Arteixo, Carballo Interplay, Mostra de Curtametraxes Vila de Noia, Mares do Fin do Mundo de Outes, Mostra de Teatro Galego de Cariño, Festival do Queixo de Arzúa, Foliada de Melide e Jazz Noia son algúns dos festivais que recibirán as axudas.

O responsable de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, defende que os festivais son “ferramentas de primeiro nivel na difusión da cultura galega e tamén na achega de novos públicos”. “Apoiar os festivais significa, para nós, apostar pola difusión e a creación cultural a través do que son verdadeiras plataformas de promoción das propostas existentes e tamén de creación de emprego e riqueza no sector”, explica Couto.

O pasado ano accederan a esta liña de subvencións vinte e tres festivais organizados polos concellos, que recibiran 474.277 euros.

A relación de beneficiarios e a contía que recibirá cada un están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 15 de xuño e poden consultarse e descargarse na seguinte ligazón: https://bit.ly/3xTYua4.

En total o ente provincial achegará máis de medio millón de euros a festivais da provincia, e deles, 233.067 euros van parar directamente a doce dos principais eventos culturais que se celebran en Área: a XXIII Mostra de Curtametraxes Vila de Noia recibe 35.000 euros; o V Festival Internacional Fisterra Blues Experience 25.000 €; o Festival Internacional de Cinema Miúdo (Ames) 12.000 €; o V Festival Brión Inclúe faise con 6.020 euros; o Festival Jazz Noia con 5.824,26 €; o Festival Carballo Interplay 2022 con 35.000 euros; o Festival Internacional de Cine Documental Mares do Fin do Mundo (Outes) con 22.005,06 €; o Festival Noites de Jazz (Rianxo) con 12.735,50 €; a Foliada de Melide con 12.833,55 €; o Asalto ao Castelo (Vimianzo) con 35.000 €; o VII Festival de Maxia de Lousame-Festimaxia con 6.650 €, e o Festival do Queixo (Arzúa) con 25.000 euros.

Entre os eventos que lideran o ranking atópase o Asalto ao Castelo de Vimianzo, unha celebración que xurdía no seo dunha asociación de amigos e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. Esta festa inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou no ano 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, a representación adoita realizarse en clave de humor, surrealismo e retranca, e conta sempre coa participación activa do público.

Outro dos eventos que se encontra na lista é a Mostra de Curtas de Noia, que nace promovida polo Concello e un grupo de mozos con inquietudes no mundo audiovisual, que o converteron nun acontecemento de extraordinaria relevancia cultural e cinematográfica. Consiste nunha selección de cintas que pola súa variedade temática atrae a atención de numeroso público.

O protagonista
“Hai menos recursos e máis esixencias”
José Pérez Martínez
Concejal de Cultura de Noia

O concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez, afirmou que “todas as axudas son boas” pero subliñou que “hai que ter coidado con diminuilas nesta época fastidiada”. Ao respecto comentou que “os Concellos teñen moitos menos recursos e os festivais cada vez piden máis medidas de seguridade e de organización, polo que adaptalos é complicado. Co cal, se esixen máis e o custo é superior pero che dan menos, o que están facendo é que baixes a calidade dos festivais ou os días”, dixo.

{ Blanco o negro }
O respaldo
é vital
María Cano

A pandemia da covid provocou que a vida cultural se paralizara en seco. Os cines, os teatros, as librarías... todos pecharon as súas portas por un tempo, para moitos eterno. Unha situación complicada que fixo que medrara o aprecio social polos hábitos culturais. Durante os pasados anos moitos dos festivais galegos desapareceron do calendario ou, pola contra, optaron por celebrar as súas edicións máis atípicas, adaptándose ás restricións impostas. O que quedou claro é que a cultura danos vida e benefícianos de moitas maneiras diferentes. Que volten os eventos, e que os respalden máis ca nunca economicamente, é vital para todos. Pero é bo recordar que estes non se fan sós e que detrás de cada cita hai un equipo e moito traballo.

27 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.