Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A intención é crear trescentos empregos neste exercicio // Máis de medio millar de persoas autónomas poden acceder á subvención das cuotas da Seguridade Social un ano // Superan as 400 as pemes que recibirán apoio para investimentos TEXTO M. Boo

A Deputación inxecta 7,26 millóns para o fortalecemento das empresas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, presentaron este luns a nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2022), que este ano conta cun orzamento inicial de 7.260.000 euros para apoiar a contratación de persoal, a realización de investimentos nos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social por parte dos autónomos.

“Estamos ante o PEL cun maior orzamento inicial, xa que todas as liñas de axudas ven incrementadas as súas partidas con respecto ao ano pasado”, afirmou Valentín González Formoso, que explicou que o PEL 2022 incrementa nun 38 % o orzamento con respecto ao pasado ano e “permitirá seguir creando emprego e impulsar con axudas de entre 1.200 e 45.900 euros a reactivación económica, o pequeno comercio, as persoas autónomas e microempresas” nun contexto económico “complexo e adverso”.

Formoso explicou que, dos 7,2 millóns de orzamento do PEL, 3,5 millóns destinaranse a subvencionar a contratación e ao mantemento de persoas traballadoras, 2,76 millóns a financiar novos investimentos en pequenas empresas de recente creación e 1 millón a liña PEL-Autonom@s, que tivo unha grande demanda no seu primeiro ano, polo que ve duplicado o seu orzamento.

CEN MILLÓNS EN SEIS ANOS. O presidente explicou que o PEL é unha aposta transversal do Goberno da Deputación ao que se destinaron 100 millóns de euros nos últimos seis anos. Grazas a este investimento sen precedentes na área de emprego, nos 6 anos transcorridos desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 4.500 empregos, apoiou a 3500 empresas e creou unha rede de provincial de espazos de coworking que xa conta con once centros en funcionamento.

As estimacións do Goberno provincial son que as axudas á contratación permitan crear 300 empregos este ano, que máis de 500 persoas autónomas podan acceder á subvención das cuotas da Seguridade Social durante un ano e que máis de 400 pemes reciban o apoio económico da Deputación para investimentos que melloren a competitividade dos seus negocios.

A nova realidade económica pon de manifesto que non só é importante dinamizar e tratar de que se poña en marcha o maior número de empresas posible, senón que tamén é preciso deseñar mecanismos necesarios para apoiar a supervivencia e o fortalecemento das empresas, mellorando a súa capacidade de resiliencia.

A axilización da xestión e tramitación das axudas considerouse como un reto no deseño das novas liñas co fin de axilizar tempos en todas as fases da tramitación, simplificar ao máximo a documentación a presentar polos solicitantes e que o pago das axudas realícese o máis axiña posible ás persoas e entidades destinatarias, facendo coincidir os investimentos, as contratacións e as actividades subvencionables co ano natural.

INCREMENTO DUN 38 % Co obxectivo de chegar a un maior número de empresas as axudas, PEL 2022 ven incrementado o seu orzamento inicial nun 38 % respecto do ano anterior, pasando de 5,26 millóns de euros a 7,26. Un ano máis todas as axudas PEL serán compatibles entre si. Deste xeito, unha persoa autónoma con domicilio fiscal nun concello de menos de 20.000 habitantes podería optar a un total de 45.900 euros entre as catro liñas.

A Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan os autónomos no tecido económico provincial. Coa experiencia acadada na convocatoria 2021 e co fin de chegar a un maior número de beneficiarios duplícase o orzamento da anualidade 2022 destinado a esta liña, pasando de medio millón a un millón de euros, tras elevada demanda rexistrada por parte dos autónomos e autónomas de provincia no mesmo ano do seu lanzamento.

Convócase unha axuda destinada ás persoas autónomas da provincia con menos de cinco anos de antigüidade na actividade empresarial e con domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes.

As persoas autónomas poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 € para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social. Establécese tamén como requisito que o beneficiario solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes o ano 2022.

AUTÓNOMOS. A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2.760.000 euros, está destinada a autónomos, pemes e microempresas que conten como máximo con cinco anos de antigüidade e domicilio fiscal en calquera dos concellos que integran a provincia.

As axudas cubrirán ata o 70 % dos investimentos realizados en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros, sen IVE. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.

O orzamento desta liña incrementase de xeito destacable, pasando de 2.260.000 € en 2021 a 2.760.000 € na convocatoria de 2022, o que supón un incremento de máis dun 22 %

CONTRATACIÓNS. A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación do cadro de persoal adaptase á nova normativa laboral. Cada empresa poderá solicitar a subvención para a contratación dun traballador durante un período de 12 meses, durante os cales a subvención cubrirá como máximo o 70 % dos custos salariais totais da persoa traballadora. O contrato poderá ter unha duración superior a 12 meses, pero a subvención cubrirá unicamente os custos correspondentes aos meses do contrato incluídos dentro da anualidade 2022. Se ben o contrato deberá formalizarse por unha duración mínima de seis meses.

A contía máxima da subvención a conceder será o 70 % dos custes estimados de contratación co límite de 15.000 euros para as contratacións a xornada completa.

Pola súa banda, as axudas de PEL-Pemes mantemento do cadro de persoal ven duplicado o seu orzamento inicial, pasando de medio millón a un millón de euros.

O obxecto desta liña é a concesión dunha axuda para o mantemento do posto de traballo indefinido creado ao abeiro da axuda PEL-Pemes Creación e Ampliación 2021.

A contía máxima da subvención a conceder será o 50 % dos custes estimados de contratación co límite de 11.000 € polo mantemento durante doce meses dun contrato indefinido a xornada completa no que a persoa contratada pertenza a algún dos colectivos vulnerables (inscrito como desempregado de longa duración nos Servizos Públicos de Emprego, muller, menor de 30 anos, maior de 45 anos ou persoa con diversidade funcional) e de 10.000 € polo mantemento durante doce meses dun contrato indefinido a xornada completa ou a parte proporcional correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.

A presentación de solicitudes permanecerá aberta desde o 11 de abril ata o 11 de maio ás 14.00 horas e realizarase de xeito telemático.

12 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.