Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Estrada presumirá de rúas máis seguras para os peóns e vehículos

A través dun convenio entre Xunta e Concello vaise mellorar a accesibilidade de Calvo Sotelo e Justo Martínez // Uniranse dous puntos importantes da vila

As rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez da Estrada verán melloradas a súa accesibilidade grazas ao investimento que van realizar tanto a Xunta de Galicia como o propio Concello. Trátase dunha actuación á cal se vai destinar un orzamento de case 310.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José López Campos, asinaron onte o convenio de colaboración, polo que a Xunta achegará un 70 % do orzamento (máis de 215.000 euros), mentres que o Concello o 30 % (máis de 90.000 euros).

Vázquez Mejuto avanzou que coa sinatura do convenio, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio xa pode iniciar os trámites para a licitación das obras.

Tal e como salientou a conselleira, esta actuación unirá dous puntos importantes do municipio, como é a praza de Galicia, no caso da rúa Calvo Sotelo –onde se retirarán os bolardos e se renovará o asfalto–, e a alameda que rodea o edificio consistorial, no caso da rúa Justo Martínez, onde se ampliarán as beirarrúas actuais, se nivelará a cota e se instalarán asemade novas rasantes para as escorrentías das augas pluviais.

En ambos casos, os labores rematarán coa sinalización necesaria e a reposición dos servizos afectados. A conselleira de Medio Ambiente indicou que se pretende “recuperar un espazo público peonil, para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como lugar de encontro dos veciños; e o mantemento e conservación das rúas, en óptimas condicións de seguridade para os peóns e os vehículos”.

A titular de Medio Ambiente destacou que se trata dunha actuación que se enmarca no programa de humanización de rúas do Plan Hurbe, impulsado polo Goberno autonómico hai máis dunha década para axudar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos destinados a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

Pola súa banda, o rexedor estrandense aproveitou para agradecer a sensibilidade do departamento que dirixe Ángeles Vázquez, ao que presentou este proxecto de humanización “cun claro encaixe no Plan Hurbe” e que brindou colaboración tamén na tramitación que requiría “e grazas ao cal se dinamizará unha zona de gran actividade comercial”, apuntou.

PLAN HURBE O Plan Hurbe da Xunta está dirixido a todos os municipios interesados en colaborar co Goberno galego no marco deste plan para a posta en marcha de obras cuxa titularidade corresponda aos respectivos municipios. Dentro do programa de humanización de rúas, que como se dixo é no que se encadran os labores que se porán en marcha na Estrada en Calvo Sotelo e Justo Martínez, promóvense actuacións dirixidas a mellorar a seguridade, accesibilidade e, en definitiva, aumentar a calidade das rúas coa finalidade de que garantan o benestar cidadán.

Entre as finalidades deste programa están restaurar o espazo peonil para facer máis seguros os desprazamentos así como adecentar e conservar as estradas nas condicións precisas para que tantos os vehículos como os transeúntes poidan circular con total seguridade. En definitiva, máis calidade de vida.

05 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.