Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Laracha consolídase no eixo A Coruña-Carballo como referente industrial

Unifersa construirá un novo centro loxístico no polígono // O 75% da superficie xa está ocupada e SEA tramita a ampliación

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou este martes no acto de colocación da primeira pedra do novo centro loxístico que vai construír a empresa Unifersa no polígono da Laracha. Destacou o crecemento que está levando a cabo a firma especializada na venda de ferraxería, que suma esta nova nave ás súas instalacións de Vilar do Colo, en Fene.

Conde puxo en valor este feito apuntando a que se trata dunha dobre vitoria para Galicia, xa que consolida a capacidade loxística de Unifersa e supón un revulsivo na actividade industrial do concello larachés. A este respecto, salientou o espírito da Laracha que, como Concello Emprendedor, contribuíu a que Unifersa poida contar cunha parcela de 42.000 m2 para lograr unha maior operatividade loxística.

A pesar dun 2020 marcado pola pandemia da COVID, a empresa con sede en Fene experimentou en torno a un 20% de crecemento e, no que vai de 2021, xa supera o 55% con respecto ao ano pasado.

O mandatario autonómico fixo referencia ao desafío que ten nestes momentos o tecido produtivo de Galicia tras o aumento exponencial do comercio por internet durante o último ano. Así, puxo como exemplo de adaptación a esta nova realidade a Unifersa, que acaba de presentar a súa nova plataforma de venda directa desde a que os seus asociados poden acceder a produtos de máis de 400 provedores, que acadan máis de 416.000 artigos.

“Vemos como unha empresa que innova e se dixitaliza é unha empresa que crece, diversifica os seus produtos e, sobre todo, amplía o seu mercado”, sinalou.

Así mesmo, o vicepresidente económico fixo un chamamento ao traballo conxunto entre administracións para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial nesta nova normalidade.

O alcalde da Laracha, José Manuel López, agradeceu á empresa a súa “aposta pola Laracha”, o que tamén considera un “éxito municipal”. Afirmou que “hoxe é un día histórico para este Concello” no que “non só se colocou a primeira pedra do proxecto, tamén se colocaron moitas pedras para fortalecer e continuar consolidando o tecido empresarial, xerar actividade económica na comarca de Bergantiños, o xurdimento de novas posibilidades de negocio, a creación de postos de traballo directos e indirectos e para fixar poboación”.

O rexedor local tamén destacou as oportunidades que ofrece o parque empresarial, que aspira a que se converta nunha “plataforma loxística de referencia no noroeste de España dentro do eixo industrial A Laracha–Arteixo–Carballo”. Por iso se referiu á “importancia do que podemos alcanzar cando todas as administracións implicadas traballan xuntas cun mesmo propósito” en alusión á futura ampliación do polígono que está en trámites.

No acto participaron tamén o director xeral de Unifersa, Jesús Vieito, e o presidente do consello de administración, Luis Astray, ademais doutros directivos e socios da compañía de ferraxaría.

ALTA DEMANDA. O pasado mes de marzo, a presidenta de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e o alcalde larachés, José Manuel López, mantiveron unha xuntanza para avanzar nos plans de ampliación do polígono ante a alta demanda de solo que está a rexistrar.

A intención é ampliar o parque cara a zona norte, coa fin de mellorar a oferta empresarial dun polígono que conta cunha ubicación extratéxica na provincia da Coruña e que, xunto co de Carballo, está a ser un dos que maior interese espertou nos últimos anos.

Entre as empresas que apostaron por implantarse neste polígono está a multinacional galega Inditex, ademais doutras como Galitráns, Emorís e Hijos, Hidroeléctrica da Laracha, Uniter, Desguaces Rey e Cardemad.

O parque larachés é un dos de maiores dimensións dos trece polígonos que xestiona actualmente Suelo Empresarial del Atlántico, sociedade dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, ao dispoñer dunha superficie de 537.925 metros cadrados netos, dos que xa están ocupados preto do setenta e cinco por cento.

01 jun 2021 / 17:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.