Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Unha campaña da Deputación da Coruña achégase a 88 municipios da provincia e a 59 entidades // O programa, titulado De fronte, completarase co acto colectivo de lectura de textos poéticos nas rúas o vindeiro día 25 de novembro TEXTO Manuel Boo

A loita contra a violencia de xénero vai invadir os concellos

A campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña titulada De fronte, que está pensada para loitar contra a violencia machista, conseguiu a adhesión de 88 concellos e 59 entidades da provincia que difunden a mensaxe de plantarlle cara ao feminicidio cun programa de iniciativas moi diversas e orientado a diferentes segmentos de idade.

O obxectivo da campaña, cuxo programa comezou esta semana e que combinará actividades presenciais con recursos dispoñibles online, é contribuír a poñerlle freo á violencia machista e crear un amplo movemento social para crear conciencia de igualdade fronte ao feminicidio. A campaña, que se volve activar arredor da conmemoración do 25-N, abrangue case a totalidade do territorio coa adhesión de 88 concellos, ademais de 59 entidades de carácter social, educativo, sectorial, cultural e deportivo.

O programa de actividades comezou no Centro Arteixo Innovación cunha palestra titulada Violencia vicaria, o papel das/os menores na violencia de xénero e actualizacións normativas para protección da infancia, a cargo de Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero, e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero.

Continuará este xoves, día 11, en Rianxo coa palestra Violencias de xénero en mulleres maiores, a cargo de Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, e Lara Fuentes Enjamio, técnica de Fademur Galicia, e o próximo xoves, día 18, en Muxía coa conferencia titulada A importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local, a cargo de Gloria Porto, traballadora social do Hospital Público de Cee; Raquel Mato, médica de Atención Primaria do C. S. Pontedeume; e Isabel Muñoz, directora do CIM de Muxía.

A partires do 15 de novembro, na web defronte.gal estarán dispoñibles os recursos para as actividades xuvenís de Visual Thinking e Scape Room, para traballar sobre tratamento e prevención da violencia de xénero de xeito colaborativo e en equipos. Tamén na web da campaña, entre os días 22 e 29 de novembro estará dispoñible un espectáculo musical pensado para o público infantil e titulado Martiña soñadora.

O programa completarase co acto colectivo de lectura de textos poéticos o propio día 25 de novembro ás doce da mañá no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña, e que correrá a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao.

LECTURA NOS CONCELLOS. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.

Entre os oitenta e oito municipios adheridos están A Baña, A Pobra do Caramiñal, Ames, Arzúa, Boiro, Boqueixón, Brión, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Frades, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica, Mazaricos, Melide, Muros, Muxía, Negreira, Noia, O Pino, Oroso, Outes, Padrón, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vimianzo e Zas.

Tamén forman parte da campaña impulsada pola Deputación coruñesa 59 entidades, entre as que se atopan a ANPA do CEIP Campomaior de Ordes; a Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional, da Pobra do Caramiñal; a Asociación Cultural Ondiñas Mainas, de Rianxo; a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños; a Asociación Íntegro, de Cabana de Bergantiños; a Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, de Teo; a Asociación Vieiro, de Carballo; o CEIP da Igrexa de Brens, de Carballo; o CEIP Camiño Inglés, de Oroso; o CEIP de Carnota; o CEIP do Pindo, en Carnota; o CEIP Plurilingüe de Outes; o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro, en Oroso; o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, en Oroso; o Club Ciclista Carballo; o colexio María Assumpta, de Noia; o CRA de Oroso; o Grupo de Igualdade do IES de Cacheiras, en Teo; a Asociación Unión de Muchachas, de Boiro; e a Asociación querENDO Mulleres con Endiometriose, da localidade de A Baña.

areadecompostela@elcorreogallego.es

a protagonista
“A muller con discapacidade é doblemente vulnerable”
Milagros Rey
Presidenta de Ambar

Milagros Rey, presidenta da asociación Ambar, sinala que “as mulleres con discapacidade son doblemente vulnerables ante a violencia de xénero, por ser máis manipulables polo maltratador e porque á súa dependencia emocional ou económica súmase a dependencia física”. Engade que “é difícil que denuncien a situación abertamente e, cando o caso sae á luz, adoita ser tarde”. Con todo, Rey explica que “cada vez a resposta é máis rápida e hai máis mecanismos de axuda”.

{ mirada ó lonxe }
O gran que axuda
Manuel Boo

É UNHA MÁGOA QUE en pleno século XXI aínda teñamos que estar a concienciar a mozos, a vellos e ata a xente de mediana idade en contra da violencia de xénero. Todo tipo de violencia é noxento, pero a dos abusos chega a ser abominable. Xa non se sabe que facer para acabar con esta lacra e por iso calquera iniciativa é boa e digna de aplauso. Di o refrán que un gran non fai graneiro pero axuda ó compañeiro. E así é. Unha actuación, por pequena que semelle, está a axudar a mentalizar á sociedade de que xa está ben de mirar para outro lado, que non se pode aceptar que ninguén levante a man e nin sequera que o intente, que son denunciables as actitudes de abusos psicolóxicos... Son pequenos grans, son pequenos éxitos.

08 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.