Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
COSTA DA MORTE. Os artistas Ali Vava e Sven recrearon con lixo mariño a lendaria personaxe // Acompañará á escritora Guadalupe Vázquez nas presentacións das súas obras ambientadas no Monte Pindo // O venres estará en Lires TEXTO J. Ramos

A mitolóxica Raíña Lupa recobra vida a través da literatura e a arte

A arte e a literatura fixeron posible que a mitolóxica Raíña Lupa recobre vida e a súa figura volva a planear sobre mítico Monte Pindo. Iso é posible grazas a unha fermosa peza creada por Ali Vava (Alicia Vázquez) e Sven, dous artistas que transforman o lixo mariño en arte, e á escritora ceense Guadalupe Vázquez, autora de varios libros ambientados na morada da lendaria raíña: o Olimpo Celta.

A elaboración desta recreación artística foi ideada pola propia autora, que lles encargou a obra para que a acompañen nas presentacións da súa novela, recentemente publicada, Conto de Quilmas, ou o seu conto Con Pasos de Xigante, Saltarín, no Monte do Pindo / Giant Steps, Little Grasshopper, on Mt. Pindo. A primeira cita será xa este venres, día 20 de xaneiro, en Lires (Cee), onde Guadalupe presentará o conto bilingüe Voa, Saltarín, ata a Fin da Terra! Fly, Little Grasshopper, to the End of the World!

Revivindo a mitoloxía do Olimpo Celta, a figura é a primeira dun conxunto que será feito ad hoc recreando persoeiros emblemáticos do Monte Pindo, onde a lenda ubica o reino da mítica Lupa, unha forza primixenia e pagana que vén a ser a representación desa potencia das rochas que conforman a paisaxe da emblemática paraxe.

“A Raíña Lupa é moito máis que unha muller e moito máis ca unha personaxe secundaria na lenda xacobea; a Raíña Lupa é ese inconsciente panteísta que latexa no corazón dos galegos; é o latexo do salvaxe, da besta que mora no interior de cada un de nós e que anhela o arrecendo do verde, o tacto do orballo, o son do nordés e a fría virxinidade das rochas debaixo dos nosos pés. A Raíña Lupa é liberdade”, afirma Guadalupe Vázquez.

A súa primeira novela, Conto de Quilmas, está ambientada ao pé do mítico Monte Pindo, no Concello de Carnota, e ademais de ser o froito dun traballo de recompilación de palabras e expresións que están en risco de perderse, é, segundo a súa autora, “un percorrido por momentos, lugares, persoas e, sobre todo, voces que volven á vida, ou se aferran a ela, a través da narración”, como agora o fai a Raíña Lupa, convertida tamén en obra de arte.

BAIO. Por outra banda, o pasado venres o conselleiro de Educación Román Rodríguez tivo un recoñecemento especial para o club de lectura Baiolendo, do IES Maximino Romero de Lema, de Baio (Concello de Zas), que obtivo o segundo posto nos Premios Clubes de Lectura Escolares concedidos polo Ministerio na edición 2021-2022. Recalcou o feito de ser un centro do rural, co que se recolle así a diversidade do sistema educativo galego.

Ao acto acudiron en representación do centro baiés Trinidad López, coordinadora do proxecto, e Hortensia Román, vicedirectora que, xunto a Marta Nantón e Ana Fuentes, son as responsables das actividades arredor da lectura.

Aseguran que o club de lectura no presente curso escolar “segue moi vizoso, xa que está constituído por seis grupos con protagonismo de case sesenta alumnos e alumnas e, como novidade, botouse andar un club de lectura de pais e nais xunto co profesorado que está tendo moito éxito nesta primeira edición con dez integrantes”.

A concesión deste premio “supón un recoñecemento ao traballo realizado e dá novos folgos para seguir apostando polos clubs de lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, pero tamén como un espazo onde relacionarse, onde cadaquén achega o seu punto de vista respectando o dos demais e enriquecendo a lectura persoal previa”.

O conselleiro celebrou que a terceira parte dos premios concedidos foran para centros galegos.

18 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.