Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A motoserra vai funcionar este xoves no Parque do Anllóns con tres chopos

O seu fráxil estado obriga a substituílos por trece árbores de especies máis axeitadas

Os tres exemplares de chopo existentes no Parque do Anllóns empezaron hai un tempo a sufrir os efectos da idade. As roturas e caídas de pólas provocaron xa varios avisos á Policía Local e obrigaron a establecer un perímetro de seguridade para evitar danos ás persoas que residen na zona ou pasean pola beira do río.

A partir do primeiro episodio, aproximadamente hai tres anos, estableceuse un sistema de control permanente por parte da brigada municipal de Xardíns, coa finalidade de anticiparse a calquera posible incidencia. Pero a situación das tres árbores segue empeorando e por parte dos servizos técnicos especializados considérase “inevitable” a súa retirada para así evitar riscos innecesarios.

Tal como se fai constar no informe técnico elaborado polo servizo de Xardíns, “os chopos son unha especie de efectos inmediatos, de gran envergadura, rápido crecemento e pouco lonxevos, que debido ao propio proceso de envellecemento, perden as características polas que foron plantados, e entrañan numerosos problemas na idade adulta”. Precisamente polas súas particularidades, especialmente pola gran fraxilidade das súas pólas e o risco que iso supón para as persoas, os Populus non se consideran axeitados para convivir nas rúas e parques urbanos.

Coa finalidade de acometer as actuacións necesarias antes da chegada do inverno, a tala dos chopos realizarase este xoves entre as nove da mañá e as seis da tarde. Para evitar riscos á poboación, a rúa Manuel María permanecerá pechada e habilitarase un itinerario alternativo para os peóns.

Os tres chopos serán substituídos por trece exemplares de especies máis axeitadas para un parque urbano, como Fagus sylvatica, Ginkgo biloba, Pyrus calleriana e Liqidambar styraciflua. A plantación das novas árbores realizarase dentro dun novo proxecto de acondicionamento das zonas verdes que se acometerá nas vindeiras semanas.

02 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.