Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Será o domingo, 25 de xullo, nas Torres do Oeste // Nava Castro e Alberto García presentaron a 61 edición da festa que de novo se celebrará sen desembarco, pero si ten previsto, para o 1 de agosto, a incursión da frota nórdica polo Ulla TEXTO Sol Elvira

A música de Casal abre os actos da Romaría Vikinga de Catoira

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou onte Catoira para presentar o cartel da 61 edición da Romaría Vikinga nun acto no que estivo acompañada do alcalde, Alberto García, o tenente alcalde Javier César Costoya e o voceiro do Partido Popular Iván Caamaño. Un concerto do músico galego Roi Casal abrirá este domingo, 25 de xullo, os actos programados polo Concello, aínda que este ano, de novo e por mor da COVID, cae do cartel o popular desembarco que será substituído o día grande, o 1 de agosto, por unha incursión da frota vikinga que se adentrará polo Ulla.

Segundo se puxo de manifesto durante a presentación, respectando todas as medidas sanitarias e seguindo os protocolos establecidos, o alcalde, Alberto García, deseñou unha programación que aposta polo talento local.

Así os actos comezan o domingo coa actuación de Roi Casal, a partir das 21.30 horas, no recinto das Torres de Oeste. Ademais, a Escola Municipal Úrsula Teatro de Catoira representará a obra El-Rei Snie no recinto das Torres os días 27, 28 e 29 de xullo a partir das 22.00 horas. Trátase dunha adaptación da primeira peza que o grupo danés Vikingespil representou neste singular escenario no ano 1993, e que foi o xermolo da Semana de Teatro Romaría Vikinga.

Para o venres, día 30 de xullo, a Alameda do Peirao acolle o Valhalla Music Fest, un festival de música organizado por LuxcoFuxco Eventos, cun cartel que inclúe destacados nomes do panorama musical actual como Danny Romero, Lennis Rodríguez ou Dasoul. A venda de entradas para este evento será a través da plataforma woutick.es

Asimesmo, o considerado o grupo referente da música tradicional galega, Milladoiro, ofrecerá un concerto o sábado 31 de xullo a partir das 22.00 horas, nun escenario situado diante da Casa do Concello. A formación, integrada maioritariamente por músicos catoirenses, fará un percorrido pola súa traxectoria musical nunha actuación que forma parte do programa Musigal, da Deputación de Pontevedra.

INCURSIÓN. A tarde do sábado e o domingo 1 pola mañá haberá un pasarrúas de Troula, O Séquito Vikingo, pola Rúa da Estación, con percusión e zancudos.

Xa o domingo 1 de agosto, día grande da Romaría Vikinga, non haberá desembarco ao pé das Torres de Oeste, pero si que se poderá ver a incursión dunha frota vikinga que se adentrará nas augas do río Ulla ata a Illa de Castrivello. Na incursión participan as embarcacións O Torres de Oeste, Frederikssund e Ardglass-Catoira .

A primeira delas foi construída no ano 1993 polo módulo de carpintería da Escola Taller Catoira, foi sometida a unha profunda reparación, xa que tras case tres décadas de vida tiña a madeira do casco moi deteriorada. O Frederikssund, construído en 2008, é unha adaptación do Gokstad, un barco viquingo atopado en Noruega, e que combina tamén deseños decorativos inspirados na fermosa nave Oseberg. Xunto a estas dúas naves estará por primeira vez o drakkar Ardglass-Catoira, que leva o nome da localidade de Irlanda do Norte onde foi construída en 2019.

Simultaneamente, o músico catoirense Baiuca actuará no escenario das Torres do Oeste dentro dun programa presentado por Ismael Sobrino, O Chuso, e que será retransmitido online a través da web catoira.gal (sección Axenda) ou na biblioteca municipal.

Indicar, por último, que o aforo para as actividades organizadas polo Concello de Catoira para a Romaría limítase a 300 persoas.

22 jul 2021 / 20:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.