Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
homenaxe. Cunha ruta teatralizada e unha ofrenda floral remataron na vila os actos que organizou a Asociación de Periodistas de Santiago ao redor do escritor e xornalista // Dende o Concello recoñecen que “quedan tarefas pendentes” para honrar ó autor e que se seguirá saldando a débeda con el TEXTO S. S.

A Pobra revaloriza a García Martí

A Pobra do Caramiñal rememorou a época de Victoriano García Martí cun itinerario teatralizado guiado polo actor Roberto Leal, ataviado como o intelectual, e a profesora Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra do escritor e xornalista.

Os puntos neurálxicos desta ruta lúdico-didáctica foron a Praza da Constitución, a carón do consistorio; a Praza Victoriano García Martí, onde tamén se realizou unha ofrenda floral; o exterior do Museo Valle-Inclán; e a fachada da súa antiga casa situada no Areal. As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer espazos relacionados coa súa traxectoria vital e profesional para ter un mellor coñecemento sobre este ilustre veciño.

Pecháronse así os actos de homenaxe promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago ao longo deste ano e que contaron coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e o apoio doutras entidades, como o Ateneo de Santiago.

Previamente, o salón de plenos acolleu unha recepción institucional á delegación vencellada á sociedade xornalística procedente de Compostela, nun acto presidido polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro.

O compromiso da administración local para contribuír ao recoñecemento e coñecemento deste referente cultural, Fillo Predilecto da localidade, foi o aspecto no que se centrou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, na súa intervención.

Lojo destacou algunhas das iniciativas municipais postas en marcha, como o Ciclo Victoriano García Martí, que acadará este ano a súa cuarta edición, ou a reedición de algunhas das súas obras, como Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917) ou La tragedia del caballero de Santiago (1925). “Pero aínda quedan tarefas pendentes. Gustaríame dicir que o goberno municipal ten a intención de continuar saldando esa débeda, que a asumimos gustosamente e que confiamos en que os froitos xa se están vendo”, sinalou.

A edil tamén tivo palabras de agradecemento para a familia Bermejo Rubio, depositaria do fondo documental, bibliográfico e fotográfico de Victoriano García Martí no Museo Valle-Inclán da Pobra.

A estas cuestións tamén se referiu o alcalde, quen ratificou o apoio do Concello para a posta en valor e divulgación do legado do autor, pois “é a mellor homenaxe que se lle pode dar a unha persoa que escribe: dar novamente a ler as súas obras”.

Doutra banda, o presidente da referida institución xornalística, Luis Menéndez, manifestou que “para os xornalistas é importante coñecer unha figura descoñecida por moitas razóns”. Enxalzou que era “moderno, progresista e cun espírito profético”, ademais de impulsar o primeiro Congreso de Xornalistas de Galicia celebrado en Santiago, en 1921.

Neste senso tamén se pronunciou Arantxa Fuentes, quen se referiu ás múltiples facetas de Victoriano e á súa loita a prol do gremio dos xornalistas, así como á defensa da liberdade de prensa e de expresión como un dos piares da democracia.

Finalmente, en representación da familia, Fátima Bermejo sinalou que “Victoriano García Martí é para nós o exemplo de que as fronteiras só existen no noso pensamento”.

29 ago 2022 / 17:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.