Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A rede de auga vai chegar por fin a 23 vivendas da Casilla

É a primeira aldea do Araño en conectarse á traída // Estenderase tamén a Vilanustre, Vilas e Corques

O abastecemento de auga potable é un servizo básico do que non dispoñen aínda todos os núcleos do rural. A Corporación municipal de Rianxo aprobou este xoves a inclusión de catro proxectos de saneamento e abastecemento no POS+2023 da Deputación da Coruña por un importe total de 681.566 €.

Un deles é o abastecemento da Casilla, que será a primeira aldea da parroquia do Araño en conectarse á traída municipal. Esta actuación é posible tras a instalación previa da rede Outeiro-Taragoña á zona da Casilla, así como do novo treito de beirarrúas executado na AC-305, que contempla a instalación adicional de rede de auga. Este proxecto supón un investimento de 132.470 euros e permitirá a conexión de 23 vivendas.

O segundo proxecto aprobado é a primeira fase do saneamento de Tronco (208.785 €), que inclúe un bombeo e beneficiará a 22 vivendas e o único cámping do municipio. Implica tamén a incorporación da totalidade da parroquia de Rianxo á rede de sumidoiros. O terceiro proxecto é a primeira fase do saneamento e do abastecemento de Vilanustre, en Asados (194.386 €), para doce vivendas. A instalación dunha depuradora autónoma evitará verter á rede xeral e o uso de bombeos. A cesión dunha parcela posibilita este sistema, posto xa en práctica en Foxacos e Cerqueiras.

O cuarto proxecto é o da segunda fase do saneamento e do abastecemento de Vilas (145.523 euros), que abranguerá a doce vivendas. Conectarase coa actuación a piques de licitarse e segue o mesmo esquema de instalación de depuradora autónoma, evitando os custes adicionais dos bombeos e o seu mantemento e consumo en electricidade. Coas dúas actuacións de Asados completarase, agás algunhas vivendas máis afastadas, o obxectivo de saneamento integral nesa parroquia rianxeira.

Todas as obras inclúen a reposición dos viais con asfaltado en quente. Ademais, aprobouse destinar 40.829 euros a gasto corrente e 5.200 euros a minorar os préstamos. O alcalde, Adolfo Muíños, tamén informou da adxudicación e sinatura do contrato de obras de saneamento de Quintáns, en Isorna, e do abastemento de Corques, en Taragoña, polo que poderían iniciarse os traballos en vindeiras datas.

Aprobouse asimesmo destinar 72.804 € a financiar gasto social para reforzar o cadro de persoal de Servizos Sociais, o Servizo de Axuda no Fogar e os servizos e axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación a persoas que carezan de medios económicos suficientes.

11 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.