Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A sanidade estradense vai sensibilizar e concienciar do dano cerebral adquirido

Fegadace e o centro de saúde da vila firmaron un acordo de colaboración para o apoio a estes enfermos e as súas familias

A Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e o centro de saúde de A Estrada firmaron este mércores un acordo de colaboración polo que os sanitarios estrandeses comprométense a sensibilizar e concienciar sobre o dano cerebral adquirido e apoiar as persoas con esta doenza e as súas familias.

Fegadace conta entre as súas prioridades coa de informar e concienciar á poboación sobre esta discapacidade, en dous sentidos: a de fomentar a súa prevención e realizar actividades de promoción da saúde, e a de sensibilizar sobre a situación das persoas e familias con dano cerebral adquirido, as súas necesidades e dereitos.

Para desenvolver este obxectivo, a entidade establece alianzas como a que asinaron no centro de saúde da Estrada o seu coordinador, José Sánchez Castro, e o presidente da Federación, Luciano Fernández Pintor. Este último subliñou a intención de “asinar acordos con puntos estratéxicos de atención ás persoas con dano cerebral adquirido”.

Nese sentido, o coordinador do centro sinalou que estima “entre 100 e 200” as persoas con dano cerebral que están a atender, e subliñou a importancia de apoiar á persoa “non só a nivel médico senón tamén social”.

De aí o interese do centro en promover as relacións con entidades como as de dano cerebral -Sarela xa está a colaborar cun punto informativo no centro sanitario-, que contan tamén entre os seus acordos co de realizar actividades de formación para as persoas e para as familias coidadoras. Sánchez quixo reforzar a importancia da información, pero tamén e sobre todo da “formación para as persoas coidadoras”.

A primeira acción incluída neste acordo vai ser a colocación no centro de saúde da exposición Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido despois do verán. Fegadace informará en setembro das datas exactas, e das vindeiras colaboracións a realizar na Estrada.

federación
obxectivos

··· Fegadace constituise en 2007 coas cinco asociacións galegas de dano cerebral: Adadeco, de A Coruña, Adace de Lugo, Alento de Vigo, Renacer de Ourense e Sarela de Santiago, que representan a algo máis de 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación do dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

14 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.