Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A un paso da rexeneración na contorna natural de Coira

A Xunta vén de pór fin á tramitación ambiental do plan especial que permite a construción do novo colexio público en Portosín

Avanzan os trámites para materializar o ambicioso proxecto que supón o traslado do colexio de Coira e a recuperación desta contorna natural. A Xunta de Galicia acaba de pór fin á tramitación ambiental do instrumento urbanístico que permite a construción dun novo centro educativo en Portosín (Porto do Son), despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitise o informe ambiental estratéxico relativo ao Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións.

Este documento, que está impulsado polo Concello sonense, ten por obxectivo establecer unha ordenación detallada para este ámbito no que se instalará o novo equipamento educativo, que virá a substituír ao situado na praia de Coira, un centro que ocupa dominio público marítimo-terrestre e está afectado pola servidume de costas.

Así, tal e como se indica no informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, “non se esperan efectos ambientais significativos, polo que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica”. Non obstante, sinálase que o citado plan especial deberá incluír “as determinacións normativas necesarias para garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais”.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está traballando en colaboración coa administración local para que as familias de Portosín conten cunha infraestrutura educativa axeitada ás necesidades de futuro, en liña co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, tanto no eido sanitario como no académico e tecnolóxico.

Neste sentido, a nova infraestrutura que se deseñe terá unha orientación estritamente educativa, “con espazos máis amplos e polivalentes, máis saudables, ambientalmente sostibles e cun reforzo da dotación tecnolóxica para afrontar o futuro dixital”, apuntan dende a Xunta.

Trátase “dun paso máis para que vexa a luz un dos nosos grandes proxectos desta lexislatura: a rexeneración da praia de Coira e dotar a Portosín dun colexio á vangarda”, afirmou o alcalde, Luis Oujo.

17 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.