Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Bértoa estreou o seu centro social

Foi inaugurado coa primeira xuntanza do Consello Parroquial despois da pandemia // Urxen melloras no eido da mobilidade

O flamante Centro Social de Bértoa (Carballo), deseñado polo arquitecto Carlos Seoane. estreouse coa apertura de para acoller a primeira xuntanza do Consello Parroquial dende o inicio da pandemia. “Agora hai que enchelo de actividade”, dixo o alcalde.

Evencio Ferrero explicou á veciñanza o sistema de xestión que se está a utilizar na rede de centros sociais parroquiais, e convidou ás entidades de Bértoa a organizarse para sacarlle o máximo partido posible ás instalacións, polas que se realizou unha improvisada visita guiada polo concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo. Os veciños queren inauguralas en setembro.

As principais demandas da veciñanza agora teñen que ver coa mobilidade. “A obra máis importante”, como a cualificou a secretaria do Consello Parroquial, é a circunvalación, e preguntaron ao alcalde pola tramitación. Evencio Ferrero informou de que a Xunta de Galicia está cos trámites, pero “de momento non houbo avances”. Unha vez máis demandouse tamén a accesibilidade peonil na rotonda da AC-552 mediante unha senda. O alcalde coincidiu na necesidade de habilitar ese paso peonil e de continualo cara a estrada de Caión, aínda que, ao tratarse dunha estrada autonómica, “calquera actuación debe contar coa autorización da Xunta”, engadiu.

Os representantes veciñais tamén se interesaron polas obras que quedaron pendentes de execución ao entrar en concurso de acredores a empresa Arias Infraestruturas. O alcalde explicou que quedaron pendentes actuacións por un importe aproximado de 40.000 euros, e que, dada a imposibilidade de desbloquealas doutro xeito malia as numerosas xestións realizadas, o Concello de Carballo resolverá o contrato con esa empresa, incautará o aval que tiña depositado e sacará de novo a licitación os traballos, que nalgúns puntos son imprescindibles dado o estado da calzada.

Outra actuación que xa está programada por parte do Concello é o aglomerado da vía que comunica o cemiterio de Bértoa co de Carballo, que xa conta con consigación dentro do Plan Complementario do POS+.

Por parte do Consello Parroquial realizouse un chamamento aos propietarios de terreos a facilitar as cesións para poder acondicionar dous camiños, en concreto do o Chamusco e o de Loenzo de Abaixo á Braña.

Na xuntanza tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de completar a rede de saneamento, xa que a día de hoxe son moi poucas casas as que non dispoñen do servizo.

Con respecto a peticións realizadas en anteriores xuntanzas, ademais do aglomerado da pista do Añón, o alcalde informou de que xa está feito o proxecto de acondicionamento do parque da Ponte de Bértoa, que se financiará con cargo ao remanente do ano pasado, e que se está elaborando o da comunicación do polígono industrial coa zona da escola infantil As Landras, aínda que neste caso é preciso conseguir antes a dispoñibilidade dos terreos.

NOVAS CITAS. Os próximos consellos parroquiais, que serán os últimos ata setembro, celebraranse en Sísamo, o día 14, e en Lema, o 16. Hai que lembrar que o Concello de Carballo reactivou este tipo de xuntanzas despois da parálise de case dous anos provocada pola pandemia.

O obxectivo é establecer unha canle de comunicación periódica coa veciñanza das distintas parroquias do municipio, de cara a recoller as súas demandas e propostas de mellora nos seus lugares.

13 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.