Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O presidente da Deputación inaugurou onte A Estación, co que Vedra súmase á Rede provincial de centros coworking // O proxecto busca reter á xuventude e atraer novos talentos para loitar contra a perda de poboación no rural TEXTO S. E.

Abren un espazo de traballo para emprender na contorna do Ulla

Vedra súmase á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo (coworking) da Deputación da Coruña coa apertura do centro de emprendemento A Estación. O presidente Valentín González Formoso, inaugurou , xunto co alcalde do municipio, Carlos Martínez Carrillo, o lugar, localizado na antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla.

Formoso destacou no acto de presentación “o importante papel que desempeñan os lugares desta rede, impulsada polo noso Plan de Emprego Local, para xerar oportunidades para que a xente moza poida crear o seu proxecto vital na súa contorna, asentando o talento no noso territorio e fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego”.

A institución provincial achega 58.100 euros para contribuír ao financiamento das iniciativas deste singular espazo, que inclúen desde actividades de formación e titorización, ata de apoio e difusión de proxectos de emprendedores e emprendedoras. A contía dedicada pola Deputación sufraga o 79,5 por cento do custo total.

O presidente provincial incidiu en que “este espazo é froito dun esforzo histórico levado a cabo de forma conxunta por distintas administracións”, e destacou a “sensibilidade de ADIF, que permitiu a posibilidade de darlle unha nova vida a esta construción”. Incidiu na importancia dun centro coma este para o concello de Vedra. Un importante medio para contribuír a favorecer o desenvolvemento socioeconómico da contorna do Ulla, poñendo en valor o patrimonio natural, a recuperación ambiental e a xestión sostible do río no seu percorrido polos distintos termos municipais, así como valorizando, promocionando e divulgando os recursos do territorio.

LUGAR EFICIENTE. A Estación consta de dous espazos de traballo, dúas salas de reunións, unha aula de formación, unha zona coworking con ata dez postos fixos, un pequeno auditorio e un espazo multiusos. O lugar é eficiente enerxeticamente ao nutrirse de enerxía solar e consta dun antigo vagón galardoado nos Premios Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, nos Red Clima e nos premios PEL da Deputación.

O presidente provincial incidiu na importancia dun centro coma este para o concello de Vedra. O proxecto busca reter á xuventude e atraer a novos talentos para loitar contra a progresiva perda de poboación do rural a través do fomento do emprego e a dinamización do tecido empresarial nos concellos da comarca do Ulla, a difusión de coñecementos, competencias e habilidades que sexan clave á hora de emprender nesta zona.

Valentín González Formoso subliñou “a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais” e incidiu na importancia de que os centros “aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio”.

Ademáis de A Estación, integran á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Daquí Darredor en Brión, LabBarbanza de Boiro, Coworking A Capela, o centro comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, A Proa en Ames e o Coworking A Pobra.

EL PROTAGONISTA
“a iniciativa foi recoñecida nos premios pel”
Carlos Martínez
Alcalde de Vedra

O alcalde de Vedra, Carlos Martínez, agradeceu ao presidente provincial o apoio ao proxecto. “Primeiro polo cariño co que sempre viron a iniciativa, que incluso foi galardoada nos premios do Plan de Emprego Local (PEL), e segundo polo apoio económico, moi grande e importante para poñela en marcha e para entrar na Rede de Espazos de coworking”. O rexedor anunciou que o espazo, que foi recuperado e definido como zona emprendemento, “arquitectonicamente aínda está pendente de rematar, irémolo completando e aumentando”.

{ CORTINA DE HUMO}
Vedra, un pobo activo
Sol Elvira

e, sen dúbida, unha das poboacións DO rural compostelán cunha xuventude do máis activa e participativa. O seu nivel asociativo é moi alto; entidades culturais, sociais ou veciñais presumen do concello e contorna e aproveitan calquera iniciativa que se lles ofrece para poñer en valor o seu patrimonio. Presumen dun Vedra que agora da un paso máis e vai máis alá das festas, libros, exposicións ou iniciativas turísticas para promocionarse. Un Vedra que crea un espazo de traballo colaborativo no que se ofreza un servizo público orientado aos emprendedores e ás empresas. E todo elo, nunha vella estación de tren que levaba xa máis de dúas décadas en desuso e ata o momento só servía como zona de carga e descarga de madeira.

18 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.