Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Acicalan o Pico Sacro para recibir aos turistas no verán

A Federación Galega de Espeleoloxía, co apoio do Concello, vai acometer por primeira vez unha limpeza profunda das covas

O Pico Sacro é sen lugar a dúbidas o enclave máis representativo do municipio de Boqueixón. Con ánimo de promovelo e axudar ao seu correcto mantemento, a Federación Galega de Espeleoloxía vaise encargar da limpeza das covas deste monte sagrado. Un labor que porá en marcha coa colaboración do Concello. “Esta é a primeira vez que se acomete unha limpeza en profundidade das covas do Pico Sacro”, indicou o rexedor, Manuel Fernández, quen se amosou moi satisfeito pola posta en marcha desta iniciativa. O principal obxectivo deste proxecto é “mellorar o estado do interior da sima, algo que servirá para accións futuras”.

Neste senso, anunciou que “a nosa intención é ofrecer visitas guiadas ao interior das covas. Serán desenvolvidas tamén a través da Federación Galega de Espeleoloxía”. Uns percorridos que se sumarán a unha nova edición das visitas xeolóxicas guiadas que se ofrecerán durante os meses do verán. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, Francisco Martínez, explicou como se fará este proxecto.

A elección das datas vén condicionada pola coincidencia co Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), establecido pola ONU no 1972. “Nesta fin de semana centrarémonos na Contramina de Juan Antón, coa limpeza e baleirados dos primeiros dous metros de amoreamento de pedras, xa que se trata de restos botados ao interior da cova ao longo dos anos”, indicou. As persoas integrantes deste colectivo que participarán nas xornadas de mantemento distribuiranse en grupos (arredor dunha vintena de voluntarios procedentes de toda Galicia), de forma que se cumprirán todas as medidas de seguridade.

Tamén o día 5 se organizará unha charla, de balde, denominada ‘A xeoloxía do Pico Sacro’, impartida pola Federación. Será ás 20.00 horas no Centro de Interpretación do Pico Sacro. Son arredor dunha vintena de prazas e hai que anotarse en boqueixonturismo@gmail.com.

Unha vez a limpeza finalice, a Federación Galega de Espeleoloxía en colaboración co Concello porá en marcha visitas guiadas ao interior das covas. Asemade, o 6 deste mes retómanse, da man de Geotur Galicia e co apoio do goberno local, as rutas xeolóxicas (tamén guiadas).

01 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.