Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acondicionan como centro social a escola de Arrabaldes da Milagrosa

Os elementos estéticos e arquitectónicos máis representativos foron recuperados coa obra

Carballo. A antiga Escola de Arrabaldes, situada no corazón do barrio da Milagrosa, en Carballo, foi reconvertida en centro social, logo dunha intervención que “non só permite dignificar un edificio que xa se viña utilizando con ese fin, senón tamén recuperar os elementos arquitectónicos e estéticos máis representativos do proxecto orixinal de Eduardo Rodríguez Losada”, sinalan dende o Concello.

Deste xeito, 92 anos despois da súa inauguración, na Escola de Arrabaldes volven a lucir a tella curva no exterior e a madeira no interior, grazas a un novo proxecto do arquitecto carballés Javier Caamaño Puñal. O alcalde, Evencio Ferrero, supervisou os traballos feitos na compaña dun representante da empresa construtora, a carballesa Covisam Norte, e do concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo.

O investimento realizado, próximo aos 150.000 euros, tiña como finalidade, precisamente, mellorar tanto o exterior coma o interior do edificio para dotalo de mellores condicións de habitabilidade, substituíndo as cubertas de fibrocemento por tella e as estruturas de madeira das mesmas polo deterioro que presentaban, reparando e pintando as fachadas, substituíndo as carpinterías de portas e ventás, mellorando o illamento, renovando e ampliando as instalacións de electricidade, iluminación, fontanería e saneamento e incorporando as de climatización, ventilación e seguridade anti-intrusión, así coma os aseos e os acabados interiores, e creando unha zona peonil na contorna.

O novo Centro Social Escola de Arrabaldes, no que pronto se colocará tamén o letreiro identificativo, poderá ser utilizado a partir de agora en moitas mellores condicións polo movemento asociativo do dinámico barrio da Milagrosa. O edificio ten unha superficie edificada de algo máis de 110 metros cadrados, que se distribúen entre unha ampla sala de uso social de case 70 metros, aseo e almacén.

Dende o Concello agardan que o renovado edificio “teña moitísimo uso e que a reforma que vimos de acometer, coa intención de que o mesmísimo Eduardo Rodríguez Losada se sentise orgulloso dela, sexa tamén un motivo máis de orgullo para a veciñanza do barrio e de todo o municipio de Carballo”.

08 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.