Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Carballo. Senda Nova alerta do perigo extremo de desaparición dunha das masas autóctonas máis importantes da Costa da Morte // Algunhas plantacións suben as murallas do castro de Aldemunde e rodean o dolmen de Pedra Moura TEXTO J. Ramos

Afoga entre eucaliptos o bosque encantado da Ribeira da Pena

Os sendeiristas que dende hai doce anos seguen os pasos da asociación Senda Nova saen aos camiños e corredoiras para aprender e gozar da paisaxe e o patrimonio, pero tamén para denunciar as agresións que está a sufrir o medio natural no que deixan as súas pegadas. E así o queren facer despois de percorrer, o pasado domingo, o bosque da Ribeira da Pena (Carballo), considerado como unha das masas autóctonas más importantes da Costa da Morte e que se atopa “en perigo extremo de desaparición”, segundo afirma o presidente do colectivo ambiental, José Manuel Menéndez.

Situado nunha encrucillada municipal, entre Carballo, Cerceda e Tordoia, este bosque acolle bidueiros, carballos e castiñeiros que acubillan un rico sotobosque de abeleiras, loureiros, acivros e outras moitas especies que se están a ver asoballadas, pouco a pouco, polos eucaliptos. Un proceso que os camiñantes de Senda Nova ven, ano tras ano, como avanza con “novas e insensibles plantacións que están a arrasar esta xoia da nosa bisbarra a un ritmo frenético que, senón ten volta atrás, rematará coa fermosa historia do bosque encantado”, sinala Menéndez.

Mesmo constataron a presenza da eucaliptos da variedade regnans, unha especie invasora que non precisa de ser plantada para ir colonizando novos espazos. A iso hai que engadirlle, segundo sinalan dende Senda Nova, as talas de parcelas de árbores frondosas que, co tempo, acaban sendo reemplazadas por masas eucaliptais que, ante a inacción das administracións competentes, van gañando terreo e transformando a paisaxe.

Menéndez lembra que este bosque encantado mesmo chamara a atención do que fora presidente da Xunta, Manuel Fraga, coincidindo cunha visita a unhas obras de mellora da estrada de A Silva a Carballo. Soprendeuse e sentíuse atraído pola masa autóctona, o que fixo que os concellos da Laracha e Cerceda anunciasen a súa intención de elaborar un estudo ca fin de protexer e preservar o espazo, pero todo se quedou en boas intencións.

A destrución, sinalan dende Senda Nova, non ten só nome de bosque, pois “as recentes plantacións de eucaliptos mesmo suben polas murallas do castro de Aldemunde”. Por se iso fora pouco, engaden, o dolmen de Pedra Moura, “capaz de incluír a Carballo no futuro Parque do Megalitismo, tamén se atopa na encrucillada”.

Un xacemento que viu como, ao seu carón durante o periodo de confinamento, o camiño de acceso a fincas lindeiras foi convertido “nunha pista de zahorra que atravesa a mámoa pola que agora circulan ata os coches”, lamenta Ménendez. Unhas “agresións” que veñen de tempo atrás, “dende que no comezo da era da maquinaria foran levados varios megalitos para obras domésticas e civís”.

Desgraciadamente non é o único que sofre este tipo de invasións, pois “tamén o castro da Peniqueira, situado entre Artes e Ardaña, ten plantacións na muralla, e hai outras moitas mámoas plantadas con eucaliptos”, sinala. A pesares de todo, Senda Nova seguirá percorrendo camiños e corredoiras para concienciar e sensibilizar á poboación, especialmente ás novas xeracións, ca confianza de que o traballo feito durante todos estes anos non caía en saco roto, pero conscientes tamén de que “non só hai que pensar no futuro, senón que tamén debemos solucionar os problemas que temos no presente”, afirma o seu presidente.

Con ese ánimo seguirán dando pasos. O domingo, día 2 de maio, camiñarán polo Coristanco histórico para escoitar “o latexo da historia dende as corredoiras” e darlle continuidade á Primavera en Ruta.

29 abr 2021 / 17:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.