Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Alianza entre alcaldes para situar no mapa o Camiño Muros-Noia

Piden unha base de datos estatísticos e un visor cartografiado específicos para o ámbito da ruta

Os alcaldes que integran a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia reuníronse co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, para presentarlle iniciativas relativas a este itinerario que son competencia de diversos organismos estatais e coas que pretenden promocionar e posicionar a Ruta no mapa.

Á reunión asistiron os mandatarios de Lousame (Teresa Villaverde, quen ademais preside a entidade), Noia (Santiago Freire), Muros (Inés Monteagudo), Brión (Pablo Lago) e Porto do Son (Luis Oujo); Manuel Lens e Manuel Dos Santos (concelleiros de Turismo de Ames e de Rois, respectivamente); e a xefa de gabinete da Delegación do Goberno en Galicia, Isabel González Cancela.

En primeiro lugar, os representantes municipais puxeron a Miñones ó tanto dos proxectos da asociación a curto e medio prazo. Neste sentido, sinalaron que está en proceso de constitución un comité técnico formado por un grupo de expertos en diversos eidos (entre eles, a Historia, a cultura e o turismo), que podería presentarse xa o vindeiro mes de setembro.

Este comité será o encargado de asesorar á asociación nas distintas iniciativas que se leven a cabo, sempre dende os puntos de vista das áreas nas que son expertos.

Porteriormente, os alcaldes e alcaldesas asistentes ó encontro informáronlle ó representante do Executivo central das xestións que van levar a cabo ante organismos estatais como o Instituto Nacional de Estatística, o Instituto Xeográfico Nacional ou Correos, relacionadas co mencionado itinerario.

Nesta liña, o colectivo pretende solicitar ó Instituto Nacional de Estatística que se ofreza a posibilidade de consultar os datos atendendo non só a concellos, comarcas ou rías, senón tamén ao ámbito territorial da Asociación Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia. Por outra banda, pedirán ó organismo responsable da rede nacional de estradas que se sinalice este destino nas autoestradas.

Asimesmo, instarán ó Instituto Xeográfico Nacional a habilitar un visor cartografiado do Camiño Muros-Noia.

Outra das aspiracións é que Correos leve a cabo algunha iniciativa promocional do itinerario. José Manuel Miñones comprometeuse a facilitar a canalización destas demandas ante os correspondentes organismos estatais.

A existencia dunha variante do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Muros-Noia está historicamente documentada. Hai tempo que entidades e administracións locais da zona traballan por recuperala. A iniciativa tivo un forte impulso o ano pasado cando nove municipios (Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela) constituíron a Asociación Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia.

19 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.