Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alumnos da Universidade de Santiago crearon materiais didácticos para Aspaber

Están dirixidos as persoas con diversidade que son usuarias dos servizos da asociación // Deseñaron tamén un campus virtual con cursos formativos para os profesionais

A Universidade de Santiago (USC) e Aspaber uniron forzas para deseñar e crear materiais didácticos e un campus virtual dirixidos á formación de persoas con diversidade funcional e dificultades cognitivas.

Uns materiais que foron recepcionados este xoves nun acto celebrado no Fórum Carballo, no que participaron cincuenta e oito estudantes dos graos de Mestre de Educación Infantil, Mestre de Educación Primaria e Pedagoxía, acompañados dos profesores Silvia López Gómez, Tania Caamaño Liñares, Ana Rodríguez Guimeráns e Jesús Rodríguez Rodríguez e pola directora de Aspaber, Dolores Fernández, e outros profesionais da asociación.

A iniciativa é froito dun traballo de colaboración que veñen desenvolvendo dende hai varios anos Aspaber e a USC e que deu forma a este proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS), co que pretenden paliar a escaseza de recursos educativos para traballar con alumnado con diversidade e tamén a falta de cursos formativos para os profesionais que traballan neste eido social.

O proxecto estruturouse en tres áreas. Unha orientada ao deseño e elaboración de materiais didácticos, a través da cal crearon recursos dirixidos especificamente ao Centro Educativo de Aspaber, entre os que destacan unha tenda, un trivial, un xogo de preguntas cunha ruleta, vídeos titoriais, pósters informativos e taboleiros en formato dixital.

Outro grupo de alumnos do grao de Pedagoxía elaboraron e avaliaron outros recursos, como o denominado Aspoly, unha ruleta de emocións, simulación de espazos de uso cotiá, historias interactivas, blogs ou a canle de receitas Aspachef.

Nunha terceira liña de traballo configuraron un campus virtual creado mediante a plataforma Canvas LMS, dirixido aos profesionais de Aspaber. Unha plataforma na que habilitaron dous cursos de Área de Información e Alfabetización Dixital e Área de Seguridade, con actividades interactivas para poder avaliar os coñecementos.

Dolores Fernández, directora de Aspaber, subliñou que “é a primeira vez que se leva a cabo un proxecto como este e estamos moi satisfeitos porque foi unha experiencia moi positiva, tanto para a nosa asociación como para os propios alumnos da USC, xa que lles permitiu coñecer de primeira man a realidade e as necesidades das persoas con diversidade funcional e seguro que lles aportou uns coñecementos que non se imparten nas aulas”.

O obxectivo agora, engadiu, “é seguir colaborando e darlle continuidade ao proxecto involucrando ao alumnado de futuras promocións”.

23 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.