Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Camiñaron por sete lugares relacionados cos proxectos que levan a cabo sobre a bioconstrución, os microplásticos nas praias, contaminación por radon ou as especies invasoras // Homenaxearon á activista e urbanista Jacobs TEXTO Suso Souto

Alumnos do instituto A Cachada de Boiro fixeron O Paseo de Jane

No marco do proxecto sobre sustentabilidade e urbanismo desenvolvido este curso no IESP A Cachada de Boiro, un grupo de docentes e alumnado xuntáronse para organizar a primeira edición do Paseo de Jane, movidos pola inquedanza de repensar o Boiro do futuro.

O Paseo de Jane é unha iniciativa internacional para homenaxear á activista e urbanista Jane Jacobs con accións e percorridos por cidades de todo o mundo, reivindicando as rúas como espazo público de convivencia e encontro. Esta actividade organízase en torno á data de aniversario do seu nacemento (Pensilvania, 4 de maio de 1916-Toronto, 25 de abril de 2006).

Dende hai dous anos o citado instituto traballa, a través do Club de Ciencia, no estudo do lugar onde vivimos: a contaminación de radon en cada parroquia, a expansión e consecuencias de plantas invasoras, a presenza de microplásticos nas praias, a redución de uso de plásticos, a aparición de bacterias resistentes nas nosas augas, os sistemas de abastecemento e saneamento de auga, etc.

Pola súa parte, nas aulas de Tecnoloxía desenvólvese un proxecto de arquitectura sostible baseado nun módulo de bioconstrución que se construíu no centro, e que é o único que hai nun de Secundaria en Galicia. O proxecto chámase BoiHaus e con el van xa tres xeracións de rapaces e rapazas de Boiro que estudan, cuestionan e redeseñan as súas vivendas desde o prisma da bioclimática, os materiais, o confort lumínico e higrotérmico e a saúde.

A través deste Paseo de Jane, alumnos e profesores buscan difundir o resultado das súas investigacións entre a comunidade educativa e entre a cidadanía. A camiñata partiu este martes ás 14.30 do instituto. Logo de comer na praia de Barraña, os participantes iniciaron un percorrido por sete lugares relacionados con proxectos nos que están traballando. Nese areal estiveron, precisamente durante o curso, tomando mostras de area para cuantificar e clasificar os microplásticos presentes nela. Trátase dun proxecto de Ciencia Cidadá (datos aportados por xente non profesional) que parte do IES David Buján de Cambre.

A seguinte parada foi

o esteiro do río Coroño, onde fixeran unha recolleita dunha das especies máis invasoras do noso litoral: carpobrotus edulis. A continuación dirixíronse ó Pazo de Goiáns, que unha vez restaurado vai ter por fin un uso cultural. A súa rehabilitación fíxose con técnicas de bioconstrución.

Logo encamiñáronse cara o lugar de Tenencia. Ata o ano 1960, as vivendas deste barrio eran casas unifamiliares de pedra e cal, dependentes da Casa da Tenencia, edificada no século XIV. O bum do ladrillo propiciou o tipo de edificacións que existen na actualidade.

Posteriormente, para lembrar a súa campaña O consumo irresponsable destroza o Planeta, alumnos e profesores repasaron a historia do comercio en Boiro, dende o vello mercado de abastos de 1930 ata o novo modelo de supermercado, pasando polo comercio tradicional da Paquetería Josefina.

A seguinte parada foi o Camiño Real, en torno ó cal latexaba o vello Boiro. Unha vía creada a semellanza da rede viaria francesa a través do Real Decreto de 1761. O urbanismo desta zona caracterízase pola estreiteza de ruelas e calellas.

Finalmente, remataron a camiñata no paseo fluvial do río Breiro, un proxecto realizado para mellorar o saneamento das augas de Boiro. Hai catro anos, no marco do proxecto de mellora do colector do río Breiro, construíronse dúas enormes balsas para a recollida e tratamento das augas pluviais mediante a exposición aos raios ultravioleta do sol.

05 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.