Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames aproba unha axuda para os negocios locais

O obxectivo é favorecer a promoción e desenvolvemento das actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes

A xunta de goberno local de Ames vén de aprobar a concesión de axudas relativas á promoción do comercio local do exercicio de 2022. O obxectivo destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal.

Deste xeito, concédense tanto axudas para a promoción comercial como para infraestruturas. As asociacións beneficiarias son a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira, Boulevar, entre as cales se van repartir un total de 40.000 euros.

Para a concesión destas achegas tivéronse en conta dúas liñas de actuación. Por unha banda, as subvencións destínanse ás accións e proxectos que teñen como finalidade a promoción comercial: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos e aquelas actividades que busquen fomentar a venda de produtos comercializados por empresas que desempeñen a súa actividade no concello amesán así como os gastos de contratación de persoal que impliquen accións de promoción económica dentro do ámbito dos asociados.

Por outro lado, a segunda liña de actuación vai dirixida a sufragar os gastos de infraestruturas e equipamento das entidades (mellora das instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web, etcétera). Así mesmo, inclúense tamén os gastos de funcionamento da asociación (o aluguer de locais e xestoría).

En total, concederanse axudas por valor de 40.000 euros, dos cales 35.000 se destinarán á promoción comercial, e outros 5.000 á mellora de infraestruturas. Para a valoración das solicitudes tivéronse en conta os seguintes aspectos: número de socios activos da entidade, orzamento total do grupo de actividade, promoción da lingua galega, adhesión ao Sistema de Arbitraxe de Consumo de Galicia e realización de actividades por unha soa asociación en máis dun núcleo poboacional (tanto en Bertamiráns como no Milladoiro).

Deste xeito, á Xuntanza de Empresarios (XEA) correspóndenlle 29.188,85 euros (25.354 euros en concepto de axudas por promoción comercial e 3.834,85 euros para infraestruturas); á Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro correspóndenlle 9.847,35 euros (9.600,50 euros por promoción comercial e outros 246,85 para investimento en infraestruturas); e a Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira, Boulevar recibirá un pagamento por valor de 963,80 euros (45,50 euros para promoción do comercio e 918,30 para infraestruturas).

A edil de Promoción Económica, Ana B. Paz, sinala que “esta liña de axudas pretende dinamizar o noso comercio local a través dunha subvención directa aos colectivos asociativos do concello”.

02 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.