Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames e Brión, xuntos na nova edición do obradoiro sobre enerxías renovables

Participan un total de vinte alumnos // Este curso a formación pasa de durar nove meses a doce // Farán traballos no municipio

Os Concellos de Ames e Brión acaban de pór en marcha a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos e alumnas traballadores. Os alcaldes de Ames, Blas García, o de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Paz, visitaron este luns aos 20 alumnos e alumnas deste novo obradoiro dual. Nesta edición pasa de 9 a 12 meses a formación que recibirán sobre o certificado de profesionalidade oficial de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

Ditos cursos son programas públicos de formación e emprego nos que os traballadores desempregados participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 503.987 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, achegáronse 30.000 euros para vinte incentivos á contratación laboral.

O Renova V vai formar, como se dixo, durante 12 meses a 20 alumnos e alumnas, concretamente quince de Ames e cinco do concello de Brión. Durante un ano os participantes recibirán formación na especialidade Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

Ademais da parte teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal. Neste caso van facer novas instalacións fotovoltaicas na estación depuradora de Lens, que presta servizo ás vilas de Ames e Brión. Tamén se executará a instalación de sistemas domóticos na planta fotovoltaica do centro de formación e emprego de Ames, nos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, pavillón polideportivo de Bertamiráns, na casa da cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, na planta EDAR da Ameixenda e na planta EDAR do Milladoiro.

No municipio de Brión tamén se instalarán sistemas domóticos na planta fotovoltaica da escola infantil da vila e no pavillón deportivo, así como na planta fotovoltaica e no sistema de aerotermia do centro social polivalente. Asemade implantaranse puntos de recarga eléctrica no pavillón deportivo e na biblioteca.

Ademais, faranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do Concello de Ames, no campo de fútbol de Bertamiráns, pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, casa da cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil municipal de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo Transformando de Brión, na depuradora da Ameixenda, depuradora do Milladoiro e no centro social polivalente brionés.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, deulle a benvida ao alumnado que participa nesta iniciativa e animou “a aproveitar a formación que se vai impartir neste obradoiro que levamos varios anos organizando de xeito conxunto entre os Concellos de Ames e Brión”, dixo.

O rexedor de Ames, Blas García, explicou que “dende os Concellos de Ames e Brión decidimos continuar organizando este obradoiro en enerxías renovables, en colaboración coa Xunta de Galicia, porque é un sector que está en auxe e que cada vez demanda máis profesionais formados”, asegurou.

Por último, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu o traballo feito un ano máis polos técnicos de ambos Concellos “que permitirá dispor de novas instalacións de fotovoltaicas e instalacións domóticas, pero tamén facer traballos de mantemento”.

04 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.