Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames quere restaurar a visión de Rosalía como unha muller feminista e comprometida

Conmemora o aniversario da poetisa co programa Rosalízate, que inclúe photocalll, obradoiros, gastronomía e viaxe literaria

O Concello de Ames súmase, un ano máis, á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, que se celebra o xoves vinte e tres de febreiro, e faino cun amplo programa de actividades xa que, lembran, a poetisa tamén foi veciña da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha etapa da súa infancia.

Así, o programa inclúe iniciativas que se estenderán durante varias semanas, e que pretenden revitalizar o pensamento e a figura da escritora e restaurar a visión de Rosalía como unha muller culta, feminista e comprometida con Galicia e coas súas clases populares, así como cos seus sinais de identidade.

Deste xeito, propóñense dez actividades: O xardín de Rosalía, do departamento de Bibliotecas, un photocall, a presentación dun libro, un obradoiro, un contacontos, unha viaxe literaria, unha exposición e unha gala de homenaxe á propia autora. Ademais, os locais de hostalería volveranse sumar este ano aos xa tradicionais Caldo de gloria e Café con verso.

No acto de presentación participaron o alcalde do Concello de Ames, Blas García; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira de Cultura, Natividade González; e o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens.

A programación Rosalízate comezou este mesmo luns, 13 de febreiro, con dúas actividades. Dende entón, o photocall Rosalízate está instalado na Praza do Concello, en Bertamiráns, e diante do centro de saúde do Milladoiro. Asimesmo, comezou tamén O xardín de Rosalía, que organizan as bibliotecas municipais do concello de Ames.

Un libro, unha gala homenaxe e unha mostra

Dentro do programa de actos de Ames, o vindeiro martes 21 de febreiro, ás 19.00 horas, está prevista a presentación do libro Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía. Será na casa da cultura do Milladoiro e contará coa presenza de Anxo Angueira e de María López Sández. Ese mesmo día, ás 18.30 horas, plantarase unha filla da figueira da Casa-Museo Rosalía de Castro.

Entre o día 22 e o domingo 26 desenvolverase unha nova edición das iniciativas Caldo de gloria e Café con verso nos locais de hostalería de Ames.

Deste xeito, repartiranse nos establecementos unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. A iniciativa Café con verso xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre o Concello de Ames e o poeta amesán Carlos Negro. Ademais, a hostalería poderá tamén servir o caldo que a escritora describe no seu poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas.

Pola súa banda, a gala de homenaxe a Rosalía de Castro realizarase o sábado 25, ás 19.00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. Participarán nela os centros educativos de Ames e contarase coa actuación de Najla Shami. A gala estará presentada por Esther Estévez. Ademais, o sábado 4 de marzo farase a actividade Viaxando con Rosalía, unha viaxe literaria á Casa Museo Rosalía de Castro, situada en Padrón, guiada pola experta rosaliana María López Sández.

Por último, do xoves 16 de marzo ao domingo 2 de abril farase unha exposición no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, sobre O herbario de Rosalía. Poderase visitar xoves e venres e as fins de semana.

14 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.