Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amicos alíase co Concello da Pobra a prol da compostaxe

Usuarios da entidade visitarán as vivendas para concienciar // Existen tres puntos comunitarios para depositar os residuos

A localidade da Pobra do Caramiñal dispón dende o mes de xullo de tres puntos de compostaxe comunitaria, ubicados na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), na rúa de Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira) e no Caramiñal (a carón das pistas deportivas de Raquel Fernández Soler). Precisamente neste último espazo deuse a coñecer unha nova acción na que traballan conxuntamente a concellería do Medio Ambiente e a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos.

Unha persoa usuaria desta entidade visitará nas vindeiras semanas os edificios e vivendas familiares sen terreo das áreas anteriormente citadas para explicarlle á veciñanza os beneficios da compostaxe comunitaria, o seu funcionamento e os recursos que a administración local pon ao seu dispor, segundo informaron a concelleira de Medio Ambiente, Genoveva Hermo, e a técnica municipal desta área, Beatriz González.

Trátase dun importante paso máis da administración local en materia medioambiental, ao tempo que se contribúe á inserción laboral de persoas con diversidade funcional, aspectos que se enmarcan na liña de traballo do organismo social, tal e como expuxo Pilar Sampedro, coordinadora do Centro de Atención Integral de Amicos.

José Francisco Manteiga será a persoa encargada de efectuar a campaña de divulgación que comezará polo ámbito das inmediacións da casa de cultura Raquel Fernández Soler e irá identificado cos logos das dúas institucións promotoras da mencionada iniciativa.

MAÑÁ E TARDE. Do día doce ó dezaseis de setembro irá en horario de mañá, entre as 09.30 e as 13.30 horas, mentres que do día vinte ó vinte e tres fará o itinerario en quenda de tarde, dende as 16.00 ata as 20.00 horas.

Refórzase así a campaña informativa previa que consistiu no envío de dípticos aos domicilios acompañando a factura do servizo de abastecemento de auga potable.

CONTROL E XESTIÓN. O Concello pobrense estendeu o proxecto da compostaxe ao ámbito comunitario, cuxos colectores están xestionados por persoal municipal para controlar debidamente o proceso e o correcto uso.

A cidadanía aínda pode sumarse a esta opción presentando a súa solicitude de participación no Rexistro do Concello, tanto físico como telemático, logo de cubrir o documento pertinente.

As persoas interesadas recibirán formación, contacto para resolver dúbidas, caldeiro e as chaves dos contedores, pois estes recipientes permanecerán pechados para evitar que se depositen residuos que non corresponden.

Este modelo implántase no municipio mediante unha subvención da cal resultou beneficiaria a administración local, ó abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2019 e 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorar na consecución do Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (Pemar).

Por outra banda, o Concello vén de adherirse ó programa de compostaxe doméstica de Sogama para propiciar a autoxestión da materia orgánica en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o abono resultante. A empresa pública entregaralle nos vindeiros días 30 composteiros de 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.

delegribeira@elcorreogallego.es

12 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.