Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amigos da Terra formará a futuros profesionais da compostaxe en Carballo

Impartirá un curso gratuíto para persoas desempregadas do
3 ao 14 de outubro // Será o segundo que desenvolve en Galicia

A ONG Amigos da Terra organizará un curso profesional de compostaxe en Carballo. Trátase dunha iniciativa, incluída no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que conta co financiamento do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello. O curso, que se desenvolverá do 3 ao 14 de outubro, é gratuíto e está destinado a persoas desempregadas.

A organización ecoloxista aposta pola creación de emprego para as persoas máis vulnerables con dificultades para acceder ao mercado laboral. A formación constará de 48 horas, divididas en oito módulos en liña e dezaseis de prácticas presenciais, ao longo das cales se abordará o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos. O de Carballo será o segundo curso que se levará a cabo en Galicia.

O curso inclúe tamén dúas xornadas prácticas que permitirán coñecer o proceso de compostaxe nas plantas de Lousame e Santiago.

A titulación en Mestría en compostaxe, que empeza a ser xa recoñecida no sector ambiental de todo o Estado, supón unha alternativa real de emprego para as persoas en situación de especial vulnerabilidade, tales como mulleres, persoas de entre 35 e 45 anos, residentes en zonas rurais, migrantes e persoas con diversidade funcional, entre outros colectivos.

Dobre reto: fomentar o emprego e favorecer unha transición ecolóxica

Carballo. A formación neste sector permite tamén, segundo sinalaron dende Amigos da Terra, ofrecer solucións á problemática ambiental na xestión de residuos, cumprindo coa obrigatoriedade de recoller dunha maneira separada a fracción orgánica dos residuos municipais e xestionala preferentemente mediante o sistema da compostaxe.

Con este proxecto están a apostar pola creación dun tipo de emprego que favorece unha transición ecolóxica á vez que achega respostas aos colectivos máis vulnerabilizados da sociedade, persoas con dificultade para acceder ao mercado laboral. Considera que este é o enfoque ecosocial que se debe priorizar nas políticas municipais.

Pola súa banda, Amigos da Terra leva anos promovendo a compostaxe como unha das ferramentas máis importantes para camiñar cara ao residuo cero, reducir a cantidade de residuos orgánicos e contribuír á loita contra a emerxencia climática.

A Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular obriga agora a todos os municipios a recoller a súa materia orgánica separada e a tratala priorizando a compostaxe. Iso fará que o emprego nese sector aumente de maneira exponencial nos próximos anos debido, por unha banda, á obriga de cumprir a normativa e, por outra, a que é unha área na que está case todo por facer.

Con este proxecto buscan dar resposta a esta problemática ambiental e asegurar que a xestión de residuos se dé en condicións adecuadas.

Cómpre destacar que a compostaxe eríxese como un aliado perfecto para avanzar na transición ecolóxica en todos os sectores. M. Lavandeira

30 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.