Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Aniversario. Programaron unha mesa redonda e a proxección dun documental para o día 18 de novembro // A asociación convocou tamén o segundo concurso de pintura e debuxo dirixido a escolares de toda a Costa da Morte TEXTO Manuel Lavandeira

Amigos de Gervasio Sar activan as mareas da memoria do ‘Prestige’

A Asociación Amigos de Gervasio Sar, de Muxía, retoma as iniciativas en homenaxe ao pintor falecido no 2020. O artista, mariñeiro do Cantil, pintou o océano, os barcos e a catástrofe do Prestige. Por iso as actividades promovidas terán como eixo central un dos maiores desastres ecolóxicos acontecidos en Europa coincidindo co vixésimo aniversario.

O colectivo quere recuperar as “mareas da memoria” a partir de preguntas como “Que estaba facendo un cando o Prestige emitiu unha mensaxe de socorro? ou “Onde estabas o día no que o chapapote atracou ás nosas costas?”. Queren aproveitar este vinte aniversario para “reafirmar o peso” deste acontecemento e axudar a “facelo máis visible, recoñecible e perdurable nas mareas da memoria”.

Máis alá da afectación e dimensión da contaminación, lembran que o Prestige foi tamén unha experiencia colectiva de acción social e cultural e un movemento cidadán. “Nos primeiros meses da crise, prosperou unha xerarquía distinta de valores: a cooperación, o altruísmo, o civismo e a vontade de colaboración, ben resumidos na actitude do voluntariado”, afirman.

En todo caso, engaden, as consecuencias desta catástrofe, ambientais, económicas, turísticas, sociolóxicas e políticas, chegan ata os nosos días. Co fin de dar forma á reconstrucción da memoria, o 18 de novembro ás 19.00 horas no Salón do Voluntariado, moi preto do Coído, a zona cero do desastre medioambiental, organizarán un debate arredor desta cuestión baixo o lema Vinte anos do Prestige, como o viviron?

Na mesa redonda participarán José Vicente Domínguez, capitán de pesca e da Mercante que traballou nun petroleiro semellante ao Prestige, ocupou cargos na Administración pesqueira e é escritor, publicando numerosos artigos sobre a navegación e actividade marítima; Sven Schwebsch, voluntario alemán, afincado en Carnota; tamén Javier Sar, armador e patrón maior naquela época; e Toñico Haz, percebeiro.

Antes do inicio do debate exhibirase o documental Nunca máis; marea de dignidade, producido por Saga TV e obra do cineasta Marcos Gallego, director do Festival do Cine Documental Mares do Mundo. Trátase dunha reportaxe que retrata, a través da mirada de reporteiros gráficos e xornalistas de medios internacionais, cal era o clima social e político que se vivía en Galicia. É a primeira vez que se estrea na Costa da Morte.

A asociación promove tamén a segunda edición do concurso de debuxo e pintura baixo o lema Prestige, como cho contaron? A gran novidade no certame deste ano é a ampliación do marco territorial dos posibles participantes. Poderá concursar o alumnado de Secundaria dos centros educativos de toda a Costa da Morte, coa idea de que a obra de Gervasio Sar se difunda polo resto de concellos da comarca.

“Pensamos que o devandito concurso pode servir como ferramenta de acceso e de coñecemento a aquel suceso complexo, singular e cheo de matices. Trataríamos de compartir a memoria co alumnado de maior ou menor idade que non viviu o acontecido co Prestige”, sinalan. A idea da asociación é que os alumnos tamén participen na mesa redonda e na proxección do documental como un foro aberto a eles.

Os traballos deberán entregarse antes das 14.00 horas do 5 de decembro na librería Arroutada, situada na rúa da Mariña, de Muxía. O xurado estará conformado por artistas e membros da Asociación Amigos de Gervasio Sar. Os resultados daranse a coñecer o día 9 de decembro e haberá tres premios por categoría, consistentes en lotes de material de pintura e debuxo. A entrega de premios será o 16 de decembro.

03 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.