Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ampliación en Íntegro para dar cobertura a 45 persoas con diversidade funcional

Mellorará a calidade asistencial e aumentará o número de prazas // Xunta, Deputación e Fundación Once aportan a financiación

Dende o pasado un de maio, a Asociación Íntegro está a desenvolver un proxecto de reforma e ampliación do Centro de Recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños). Un espazo do que se beneficiarán corenta e cinco usuarios e usuarias, na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte.

Dita actuación, que consistirá na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrados de superficie ao carón da fachada principal, permitirá ampliar algunhas dependencias actuais, como a aula ocupacional, a cociña, o vestiario e os aseos.

Estes traballos, que teñen como prazo máximo de execución o trinta de abril de 2023, permitirán mellorar a calidade dos servizos actuais e incrementar o número de prazas para dar cobertura a un maior número de usuarios, segundo sinalan dende a mencionada asociación.

O proxecto, que ascende a 180.339,35 € e que se realizará en dúas anualidades, conta co financiamento de varias institucións públicas e entidades sociais. Por unha banda, a Consellería de Política Social subvencionará, a través de Cogami, o 43 % do gasto grazas aos fondos do 0,7 % do IRPF procedentes do cadro 106 de Actividades de Interese Social da declaración da renda. Por outra banda, a Deputación Provincial da Coruña aportará o 37 % con cargo á Convocatoria FOIE 21-22, mentres que a Fundación Once investirá o 8 %, a través do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (Cocemfe).

A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que dende 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun centro de día e un centro ocupacional que prestan servizo a corenta e cinco persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.

A entidade, con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños), forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica.

CONVOCATORIA. Por outra banda, a Asociación Íntegro celebrará o vindeiro sábado día 11 a súa asemblea xeral ordinaria, á que están convocados todos os socios e socias da entidade. Dita xuntanza terá lugar no Centro de Recursos a partir das 16.00 horas en primeira convocatoria, e ás 16.30 horas, en segunda.

Entre a relación de asuntos a tratar inclúese o balance das actividades levadas a cabo en 2021, así como o estado contable do pasado exercicio e a súa aprobación, se procede. Tamén se someterán a votación os orzamentos da entidade para este ano e darase conta da situación económica e do resumo anual do Centro Especial de Emprego +Porvir Xestión Social.

Segundo os estatutos, as persoas que desexen participar na reunión exercendo o seu dereito de voz e voto, e beneficiándose dos descontos para socios/as, deberán estar ao corrente no pagamento da cota anual correspondente ao exercicio deste ano 2022.

As persoas que non teñan o pago domiciliado deberán formalizar o ingreso, á maior brevidade posible, no propio centro ou nas contas bancarias da asociación. Ao final da xuntanza os asistentes serán convidados a un aperitivo.

comarcas@elcorreogallego.es

10 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.